A Real Academia Galega (RAG) publicou unha serie de documentos sobre o proceso de incorporación de Carlos Casares, escritor ao que este ano se adicou o Día das Letras Galegas, á institución, con motivo do aniversario desta efeméride.

Entre os escritos que a RAG fai públicos, figuran os informes sobre os méritos de Carlos Casares solicitados a Francisco Fernández del Riego, Isidoro Millán González-Pardo e Henrique Chao Espiña.

Outros dos ditames son autoría de Rafael Dieste e Jenaro Marinhas del Valhe. O primeiro valora do ensaio de Casares "a virtude de traer luz á conciencia galega sobre o sentir dos nosos antepasados", subliña a institución académica.

Nomeamento como académico

Na documentación, figuran tamén a carta na que se lle comunica a Carlos Casares o seu nomeamento como académico electo -na sesión da RAG celebrada o 15 de maio de 1977- e a súa resposta de agradecemento.

Tamén se inclúe o escrito no que se informa da celebración da cerimonia de ingreso do novo numerario, nun acto que tivo lugar en maio de 1978.