Tardou en concretarse o novo traballo discográfico da gaiteira Susana Seivane. Despois de adiamentos, pasaron oito anos dende que publicara a súa anterior obra. Agora veu a luz FA, título que provén das iniciais dos nomes dos seus dous fillos, aínda que pola cabeza de quen o ve pasa tamén esa nota musical coa que traballan os artistas para facer música.

-Fai moita referencia aos seus fillos no disco e a verdade é que esta obra foi coma outro parto, neste caso artístico, dado o tempo que debeu esperar para o seu lanzamento.

-Entendo que foron moitos anos sen editar disco e xa tiña unhas ganas tremendas de sacalo. Malia non ter novo álbum, o que dificulta participar en festivais por non ter pezas novas, non parei de facer concertos, niso non me podo queixar, e tamén traballei para outros artistas, así que estiven ocupada. Só cando naceu Antón non fixen xira porque coincidiu en agosto. Tardamos moito en publicar porque houbo certos tropezóns. Pasámolo moi ben e foi unha experiencia marabillosa, pero vivimos momentos duros porque o co-produtor, Iago Rodríguez, que tamén é o meu baixista, tivo problemas de saúde coa fibromialxia e iso obrigou a facer paróns, ao igual que pasou nos últimos meses dos meus embarazos.

-Hai unha gran novidade no álbum, no que vemos claramente a súa faceta de compositora, xa que noutras obras eran poucas as pezas propias. Como foi xestando ese traballo creativo?

-Neste disco hai moito de min, das miñas vivencias, e tiña moitas ganas de musicalizalas. Non sei moi ben por que antes non me decidira a compoñer tanto. Cando quedei preñada de Fiz principiei a entrar nun momento de inspiración que nunca tivera e iso continuou no tempo e tamén co meu segundo embarazo. Tiña moitas ganas de sacar un disco propio, meu, moito máis persoal quizais que os anteriores, nos que había moitas pezas tradicionais arranxadas. Creo que este traballo é o máis diferente e o máis comprometido por facer pezas de composición, algo que me satisfai máis.

-Compón fundamentalmente co acordeón ou tamén emprega outros instrumentos?

-Compuxen no acordeón e tamén directamente na gaita. Os meus nenos están afeitos a escoitala dende que naceron e para eles é un son relaxante, coma o seu refuxio familiar. De cativos tiveron bastantes gases e pasábano moi mal. Choraban moito e como derradeiro recurso, xa de madrugada, tocaba a gaita e era a única maneira de que calasen.

-O outro compositor da obra é Iago Rodríguez, quen realizou tres temas e de quen xa falou. Que nos conta das pezas que lle compuxo para FA?

-A min parécenme marabillosas. Hai moito del en todo o disco. Nun primeiro momento ía ser un álbum máis de cantares de berce, pero foi mudando co tempo. Paréceme un artista brillante. Os meus fillos chámanlle tío Babo. Está moito pola casa e alucinaba cando chegaba co caos absoluto que había, cos nenos xogando e berrando e eu dicindo 'Fiz para, Antón, quieto!'. Desa sensación que viviu saíulle o tema Antón Revolución, que pecha a obra. Tamén é o autor de Papá Pum Pum. A miña parella é campión de España de boxeo e, ás veces, Fiz pedía que lle puxera un vídeo del e facía a petición coa expresión que dá título á canción.

-Existen neste álbum novos conceptos estilísticos dentro da súa traxectoria e aparecen, por exemplo, achegamentos ao flamenco ou a unha música con sabor francés que evoca ao cabaré dentro dunha obra cun son máis moderno e na que un tema como Sabendo Miradas pode ser o que represente moi fielmente ese cambio.

-Sempre se di que todos os temas son fillos dunha, pero esa peza que di é a miña preferida porque é a que máis me remove por dentro. É un tema que pasa por tres partes diferentes que simbolizan momentos do embarazo e o parto. Cando fas composicións propias sentes que es máis libre para facer o que che pete. Nestes oito anos o son dos directos mudou moito e é máis semellante ao do novo disco. Existe unha evolución natural e fixen cousas diferentes tratadas ao meu xeito. A Souris á la vie, que é outra composición de Iago, apetecíame darlle un aire francés e decidín cantala nese idioma. Durante os embarazos pensei na miña infancia, nas miñas outras raíces, que non son tan coñecidas. A miña nai provén dun pobo de Xaén e sempre me apeteceu facer a mestura de gaita con flamenco, para o que tiven o pracer de contar coa colaboración do guitarrista galego Marcos Teira, quen é un gran coñecedor do flamenco.

-Xa empregara nalgún momento instrumentos de metal para incorporar ao seu repertorio, pero neste disco teñen unha maior presenza.

-Gústanme moito eses instrumentos e tamén a maridaxe que se produce entre eles e a gaita. Por iso aparecen máis nesta obra. A presenza do saxofón dálle un aire moi moderno e fresco ao disco.

-Por que incorporou a steel guitar, un referente na música country, en dous dos temas ?

-Encántame como a toca Álvaro Lamas. Botara man dela nalgún outro disco para momentos concretos. Na peza Antón revolución leva o acompañamento dun banxo para lle dar máis ese toque country.

-Como foi o de gravar un tema coa orquestra folk SondeSeu?

-Son admiradora deles e sempre me pareceu unha idea fantástica cando montaron esa banda. Gravara con eles e agora tiña ganas de telos no meu álbum.

-Coma a tantos outros, tocoulle realizar unha produción propia para editar o disco.

-Cando saquei o meu primeiro traballo as cousas eran moi diferentes. Hoxe en día os artistas temos que autoxestionarnos e iso ten as súas complicacións. Así non resulta doado sacar discos cada pouco tempo.

-Algúns guitarristas teñen no fogar unha colección de decenas de guitarras. Como curiosidade, cantas gaitas posúe tendo a súa disposición o obradoiro Seivane para lle fornecer delas?

-Lémbrome cando me roubaran as gaitas en Tenerife no ano 2000. Teño a sorte de que o día seguinte podía dispoñer de gaitas novas, mais o meu corazón quedou totalmente esnaquizado porque esas gaitas tiñan moito valor sentimental e chorei varios días. Eu teño as dúas gaitas coas que toco en directo e outro par máis.

-Considera que a saída deste álbum pode ser un momento moi importante na súa carreira?

-Creo que si. Este é un disco diferente aos anteriores e fixen a obra que quería. Cando fas arranxos de pezas tradicionais estás máis suxeita creativamente e quizais teñas máis responsabilidade con temas propios, onde estás moito máis comprometida e nos que achegas a esencia, o que che sae de dentro.