Alfonso Rueda Valenzuela | Presidente da Xunta e candidato do PP

Alfonso Rueda: “O obxectivo son 38 escanos para poder gobernar e creo que teremos máis”

Rueda non quere pactos porque iso o obrigaría a renunciar a partes do seu programa

Ve “triste” que Besteiro acepte ser “muleta” dun eventual goberno nacionalista

Alfonso Rueda, candidato do PP á Presidencia da Xunta.

Alfonso Rueda, candidato do PP á Presidencia da Xunta. / Xoán Álvarez

X. A. Taboada

Alfonso Rueda afronta as súas primeiras eleccións como cabeza de cartel do PP. É o actual presidente da Xunta, cargo que asumiu tras dar o relevo a Núñez Feijóo cando marchou para Madrid. Agora ten o reto de darlle continuidade á marca acadada polo seu predecesor, que obtivo catro maiorías absolutas consecutivas. El cre que pode facelo. Non quere ningún tipo de pacto porque iso o obrigaría a “renunciar a cousas irrenunciables” e a facer outras que non quixera.

Arrepíntese de non ir ao debate de TVE? Porque deixou durante unha hora en prime time a BNG e PSOE para escenificar o que todos saben, que haberá pacto se o PP non acada a maioría absoluta.

Mire, eu tiven desde o primeiro momento un plantexamento moi claro dos debates. Creo que tiña que haber un debate entre os diferentes candidatos, que si o tivemos, e despois tiña que haber outro debate entre as dúas opcións: unha, a do PP, e a outra, un multipartito de esquerdas que tiñan que nomear a un representante, pero que non foron capaces de facelo por quen pretende despois exercer nun goberno.

Pero está claro que se o PP non alcanza, BNG e PSOE farán alianza e no debate podería haber alguén que incidise nas contradicións e profundizase nelas…

Eu creo que durante a campaña víronse tan claras as contradicións que a actitude dos dous de non querer confrontar en absoluto fixéronse ainda máis evidentes. E despois tamén hai outra cousa, o convencemento do candidato socialista de que vai para abaixo e de que vai ser simplemente unha muleta, un comodín dun goberno nacionalista. Creo que iso é triste, a pesar de que diga publicamente que quere tamén ser presidente.

Como ve o resultado final? Máis apretado do inicialmente previsto? Está pasando apuros pola posibilidade de ser desaloxado de San Caetano?

Non, o noso obxectivo é a maioría necesaria para gobernar, que son 38 escanos, e a miña sensación é que estamos nos 38 ou máis. Todo o mundo aperta ao final de campaña, pero estou tranquilo sabendo que teño que traballar ata o último momento.

Se non ten maioría absoluta, evidentemente non poderá gobernar. Volverase presentar como candidato? Cantas veces pode facelo no seu partido?

A dous días das eleccións estou centrado en lograr a maioría e non me plantexo ningunha outra cousa porque non é o momento.

Cales serían as súas tres primeras accións de goberno no caso de que repita á fronte da Xunta?

Temos ata 15 accións para facer os primeiros días e creo que isto é unha diferenza fundamental. No mes de setembro, que as matrículas universitarias empecen xa a ser gratuítas para a xente que aprobe; lanzar as primeiras vivendas de promoción pública; e seguir avanzando en algo no que somos pioneiros, que é a vacinación e os cribados.

E no campo sanitario, non sería máis urxente reforzar a plantilla de médicos de Atención Primaria?

Si, por suposto, pero é que iso xa o estamos facendo, e eu referíame ás tres medidas, por así dicilo, que teñen unha certa novidade. Isto de cubrir prazas, levámolo facendo hai tempo e xa se vai notando.

En 2023 pasou seis meses queixándose de que non sabía cantos fondos ía transferir o Goberno central á Xunta, o que dificultaba elaborar os orzamentos, pero nas últimas semanas non cansa de facer anuncios como bonos deportivos, para maiores, matrícula universitaria gratuíta, bono de coidado de 5.000 euros para asistencia en casa para os dependientes, transporte gratuíto para maiores...

Imos ver, fondos tenos que haber, só faltaba que non os transferisen. Entre outras cousas, porque son os impostos que se recaudan en Galicia, e por tanto, teñen obrigación legal. O que non sabemos é a cantidade exacta e, para planificar, é moito máis fácil sabendo a cantidade. Pero a nosa experiencia en aprobar sempre orzamentos en tempo e forma danos unha certa previsibilidade de por onde poden ir os tiros. Polo tanto, espero non terme equivocado. A esquerda pídeme que non gobernemos, que non fagamos nada, que esteamos de brazos cruzados ata que o Goberno faga os seus orzamentos, pero acábanos de dicir que ata que a lei de amnistía se aprobe non vai facer nada. Menos mal que non esperamos.

Tras 15 anos de goberno do Partido Popular, como se evita o esgotamento? Como se reinventa unha xestión con practicamente o mesmo equipo e programa?

Non, hoxe temos 872 medidas no programa electoral e moitísimas delas son novedades. Tomamos moi en serio o programa electoral e o que está funcionando ben imos perseverar para que funcione aínda mellor. Somos moi ambiciosos. Sinceramente, cando a maioría das enquisas están coincidindo en que algo tan difícil como ter unha maioría absoluta outra vez é moi posible, contrariamente aos mantras da esquerda que basea a posibilidade dunha viraxe electoral en que hai que cambiar cando as cousas funcionan ben, iso dá confianza. Polo tanto, de cansazo nada.

Haberá un Rueda distinto, outra forma de actuar, se gaña as eleccións?

Non oculto que sentíndome moi lexitimado de ser elexido presidente, gustaríame ter catro anos por diante despois dunhas eleccións. Desde o punto de vista persoal, reconforta. E o que me vai dar é máis forza. Xa fixen todo o que puiden estes dous anos, pero serviría para pórlle aínda máis esforzo.

No caso de que o PP revalide a maioría absoluta e teña catro anos por diante de tranquilidade, chamaría ao BNG e ao PSOE ao despacho do presidente para intentar, digamos, chegar a acordos de país?

Nada mais tomar posesión como presidente da Xunta hai dous anos foi o primero que fixen, chamar ao líder do Partido Socialista, Valentín González Formoso, e á portavoz do BNG. Creo que é o que tiña que facer e volverei facelo outra vez. A outra vez o que me dixeron, sobre todo Ana Pontón, é que facíamos todo mal e que o que tiñamos que facer era o que eles propuñan. Así é moi difícil chegar a acordos, pero volvereino intentar.

Pero con intención real de chegar a acordos de país?

Estaría moi ben. Creo que despois das eleccións haberá un pouco máis de sosego, de non estar no cortaplacismo electoral como está a esquerda agora mesmo, e daranse conta, como xa o saben, de que algunhas propostas que están realizando son pura demagoxia, irrealizables.

Agora, pómonos noutro escenario. O PP queda ás portas da maioría absoluta, pero Democracia Ourensana ten ese escano que falta. Esta vez pactar con DO sería letal para Galicia, una man amiga o un apoio puntual?

O meu plantexamento que non lle escoitará a ningún outro candidato é ter a maioría que me permita pactar coa xente á que, como fixemos todos estes anos, lle pido a confianza. Non estou niso agora mesmo, igual que non estou ao que vai pasar o día despois. O meu plantexamento é poder facer as cousas e non ter excusa para non facelas, porque, cando un fala de pactos, pasa o que pasa, que hai que renunciar a cousas que durante a campaña se dixo que eran irrenunciables e facer cousas que se dixo que non se farían baixo ningún concepto. Eu non quero isto e por iso non estou pensando en ningún pacto e resultaríame difícil se as condicións fosen ter que facer cousas que non quero facer.

Pero en caso de extrema necesidade?

Bueno, dixeron que lles dá igual un que outro e sobre isto a xente ten que tomar nota. Vou facer o posible para non ter que depender dun partido que lle dá igual uns que outros.

De verdade cre que pode dicirse que o BNG vai nas mesmas listas que membros de ETA? Non son acusacións demasiado graves as que lanza o PP?

Creo que ninguén discute a relación estreita entre Bildu e o BNG, son os seus aliados. De feito, a día de hoxe non sabemos se van ir xuntos nas europeas ou non porque non o dixeron, probablemente porque van ir, pero non o poden dicir. Aí ten unha pista e ninguén discute a relación de moitos membros de Bildu co mundo de ETA cando ETA era moito máis activa. Tamén defenden aos presos que están encarcerados por delitos de sangue. Isto é unha realidade e comprendo que ao BNG lle molesta moitísimo cando se lle recorda, probablemente porque sabe que á súa xente non lle gusta. Pois, oiga, se non lle gusta, non o faga.

E non pode ser sencillamente un exabrupto de campaña, porque durante o resto do ano o BNG goberna institucións, concellos... e non está ese debate encima da mesa en Galicia.

Mire, se eu, Alfonso Rueda, tivese algún tipo de relación con Vox, o BNG estaría todo o día dicíndoo, pero non é certo. Pero eu estou dicindo o que é certo e é bo que a xente saiba cales son os aliados, non nas autonómicas, pero si nos comicios europeos. Por que non o recoñecen? Por que non din abertamente quen son os seus aliados?

Por esa regra de tres tamén se pode dicir do PP que ten como aliado a Vox, un partido de extrema dereita, porque en varias comunidades autónomas gobernan xuntos.

Pero estamos falando dunhas eleccións autonómicas e se tivesen oportunidade estaríano dicindo todo o día. Se fose verdade, tíñao que reconocer.

O PP está centrado nos últimos días nunha ofensiva contra o BNG, usando munición de calibre gordo. Isto non pode provocar precisamente o efecto contrario, que se mobilice o voto nacionalista e incluso o voto útil da esquerda se concentre no BNG?

As campañas son para contar o que hai. Igual que eu estou sendo atacado sistematicamente polos partidos de esquerda, estou transmitindo á xente que sexan conscientes de cales son as dúas opcións, unha a do PP e outra, un multipartito.

Pero non pode resultar contraproducente para o PP concentrar o voto nun partido en vez de buscar a fragmentación da esquerda?

Eu adico unha parte importante nos actos a explicar o que quero facer. E ademais a transmitir algo que creo firmemente, pedindo un apoio que non me obrigue a pactar con ninguén para así poder cumprir ao que me comprometo. Pero, loxicamente, hai outra parte dos actos na que a xente ten que saber cal é a outra opción.

“O PSOE estaría cómodo trasladando o modelo de Cataluña aquí a Galicia co BNG”

No inicio da camapaña vostede dixo que ía ser pensando en Galicia, sen replicar a confrontación da política nacional, pero ao pouco xa se desviou o tiro…

Formamos parte de España onde hai un presidente do Goberno que está tendo unha actitude de moitas cesións a un determinado territorio que perxudica aos demais clarisimamente. Hai que contalo. O PSOE estaría moi cómodo con trasladar o modelo de relación que teñen con Cataluña aquí a Galicia co BNG.

Con tanta presenza de dirixentes do PP nacional parece, precisamente, unha campaña nacional.

Facemos unha campaña moi pegada ao territorio, iso quere dicir estar en moitos sitios. Galicia é moi grande e esa presenza para min é imposible en quince días, porque ademais tamén están os labores como presidente da Xunta. Pedinlle a Feijóo que me botase unha man e está indo exactamente onde llo pedimos sen ningún tipo de discusión nin comentario. Igual que Rajoy, aínda que un pouco menos, están facendo un labor de complemento da miña campaña, que eu son o candidato e, polo tanto, o actor principal.

Como afecta, se é así, a revelación de que Feijóo estivera 24 horas estudando a amnistía e que incluso se abrira a conceder un indulto condicionado? E por outro lado, todo isto ten relevancia para o electorado galego?

De todo iso que a esquerda, ademais, intentou amplificar, azuzar e que sexa un tema ata o último día de campaña, Feijóo xa aclarou ben as cousas. Explicou, parece ser, que foi algo que considerou e que desbotou. Foi categórico e quedou claro. Pregúntame se ese tema vai ter incidencia... estou seguro de que non. Pero a xente ten que saber que a amnistía é desigualdade xurídica, territorial e económica. Todo nos afecta, pero a desigualdade económica especialmente, porque esas transferencias que se están facendo cara eses territorios, penso que son cousas que se tiñan que falar antes con todas as comunidades autónomas, e penso que son recursos que xa non van vir para Galicia.

Quen se a xoga máis o domingo, vostede ou Feijóo como líder nacional do PP?

Eu, sen ninguna dúbida. Quen é o candidato á presidencia da Xunta? Eu téñoo clarísimo, para ben e para mal, cando gañemos supoño que moita xente estará satisfeita, pero eu nin lle quero contar.