Entrevista | Marilar Aleixandre Candidata ao Senado por Sumar pola provincia da Coruña

“En catro anos, gustaríame ver unha cidade con moito máis transporte público”

Marilar Aleixandre.   | LA OPINIÓN

Marilar Aleixandre. | LA OPINIÓN / Gemma Malvido

Por que dá o paso adiante de se presentar ao Senado e por que o fai pola candidatura de Sumar?

Moveume, en primeiro lugar, a urxencia de apoiar todo o que sexa a continuación e a ampliación de políticas de esquerdas, de políticas a favor da xente, como foi, por exemplo, a reforma laboral, o aumento do salario mínimo, de políticas feministas... Están en perigo dereitos que custou moito conquistar. Pediume Marta Lois que me presentase, ela foi alumna miña no instituto en Vigo, eu confío moito nela.

Que temas lle gustaría tratar no Senado en relación coa cidade e a súa contorna?

Eu preséntome pola provincia e vivo en Santiago e nesta campaña está a ser todo moi rápido, pero hai temas que se deberían tratar no Senado, por ser unha cámara territorial, un deles é o das eólicas. O listón está moi baixo cando Feijóo entrou no Senado por designación autonómica e non fixo ningunha pregunta sobre Galicia. Eu son moi ecoloxista, estou a favor de deixar de usar os combustibles fósiles, pero os eólicos teñen que ter en conta a poboación naqueles lugares nos que se instalen, igual que en Dinamarca, e teñen que ter algún beneficio para a poboación. A xente igual non o lembra, pero no bipartito houbo unha norma que establecía condicións para os eólicos e foi derrogada por Feijóo en canto chegou á Xunta. Sabemos que hai proxectos para instalalos no mar e a preocupación que iso xera na xente que se dedica á pesca. Xa Camilo Nogueira propuxera hai como trinta anos que Galicia tiña que obter beneficios por ser unha comunidade produtora.

Que tipo de beneficio proporía?

Pois un custo máis baixo da enerxía para as industrias electrointensivas. Eu non me opoño os eólicos, pero defendo o slogan de eólicos si, pero non así.

Un dos grandes retos da Coruña no curto prazo é a desafectación dos peiraos interiores e a débeda da Autoridade Portuaria, que posición defenderá no Senado?

Todo depende porque hai temas nos que entran en conflito as competencias do Estado, as autonómicas e municipais. Son cousas que deberían facerse por consenso e pensando no beneficio da xente e que non deben ser usadas como arma política. Iso é populismo. Nos primeiros tempos da autonomía facíanse as cousas por consenso e tendo en conta a opinión dos expertos. Hai cousas como o da débeda que son complexas e que non se poden solucionar pasando a brocha gorda. Todas as entidades que teñen que ver con este tema terían que falar e chegar a un consenso que non prexudique a cidadanía da Coruña.

Se resulta elixida, como lle gustaría ver a cidade da Coruña logo de catro anos?

Con moito máis transporte público e moitos menos coches. É un paso que podemos dar, tamén me preocupa moito o quecemento global, por iso creo que cambiar o transporte, ver que se recoñece o galego como un patrimonio e un tesouro e non un elemento de confrontación e, aínda que soe un pouco raro, tamén me gustaría que mudase o noso xeito de comer para reducirmos o consumo de carne.

Suscríbete para seguir leyendo