Xan Xove | Candidato de Marea Atlántica á Alcaldía de A Coruña

“Hai que acabar con esa sensación de que A Coruña comeza na praza de Pontevedra”

“Propoñemos un número máximo de vivendas turísticas por barrio e en plantas baixas”

O candidato Xan Xove, dentro do mercado de San Agustín.   | // VÍCTOR ECHAVE

O candidato Xan Xove, dentro do mercado de San Agustín. | // VÍCTOR ECHAVE / M. Villar

Xan Xove (Viveiro, 1977) graduado en Traballo Social, é empregado de Correos con destino agora no barrio de Durmideiras e sindicalista. Como músico formou parte de varios grupos. Foi membro fundador da Marea Atlántica en 2014 e logo deputado no Parlamento galego. Quere recuperar a Alcaldía da Coruña para a Marea Atlántica como cabeza de lista.

Nestas eleccións compiten, entre outros, a Marea e unha coalición, Por Coruña, liderada por un exintegrante do goberno da Marea. A esquerda sempre dividíndose?

A Marea está centrada no seu traballo, somos a mesma organización que gobernou con Xulio Ferreiro e a mesma que con María García estivo liderando a oposición construtiva e razoable estes catro anos. A Marea é a que está poñendo enriba da mesa os retos e oportunidades que temos por diante en mobilidade, vivenda, mantemento dos barrios.

Unha Marea que perde apoio, pasou de 10 a 6 e as enquisas danlle maior baixada para 2023.

Hai que agardar o 28 de maio, é a enquisa definitiva. Nós, nestes días, recibimos moito cariño nas rúas, moito apoio. A marea é a única forza sen ataduras que se centra na cidade da Coruña.

Intentouse un acordo entre Marea e Sande? Foi unha cuestión de persoas ou de diferenza de proxecto político?

Nós estamos centrados no proxecto de Marea Atlántica, para nós segue sendo o espazo de confluencia coa mesma identidade que cando naceu en 2014.

Di que despois do 28 de maio a Marea regresa ao goberno. Arrepíntense de non telo feito en 2019?

A Marea o que dixo é que vai gobernar a cidade da Coruña. Hai que aclarar que no 2019 quen decidiu gobernar en minoría, unilateralmente, foi Inés Rey. Marea Atlántica naceu para gobernar a cidade da Coruña e a nosa enerxía está aí.

Se nestas eleccións se repite o de 2019, o PP o máis votado e o PSOE precisa de apoio para gobernar, que liñas vermellas lle poñería a Marea?

Temos un programa que queremos cumprir na totalidade e dende logo temos unhas liñas moi claras de política que son o acceso á vivenda para a xente moza, a mobilidade, creación dunha empresa municipal de transporte, a recuperación dos peiraos, o mantemento dos barrios.

A Marea fixo pactos de goberno co PSOE e despois denunciou que se incumpriron. Como garantir que se cumpran? Entrando no goberno?

Pois marcando prazos concretos sobre medidas concretas. Estes catro anos de Inés Rey foron decepcionantes. Cando impulsou as medidas que deixou preparadas a Marea Atlántica a cidade avanzou nos seus retos. Cando sacou as súas propias medidas apareceron proxectos do pasado como a macrourbanización de Visma, Fariña Ferreño, Percebeiras ou a ampliación de Alfonso Molina, proxectos anacrónicos.

A alcaldesa destaca que logrou sacar adiante, en plenos, case todos os asuntos nestes catro anos. Mérito da alcaldesa ou pasividade da oposición?

Inés practicamente non tivo axenda política nestes catro anos. Foi unha política de grandes eventos e nas cuestións estratéxicas só houbo decepción e inoperancia. En cultura foron catro anos perdidos. A Luis Seoane está caendo, o Instituto Cornide ata agora sen dirección, incluso Viñetas do Atlántico tamén está en risco. En deportes igual, boas palabras e as infraestruturas deportivas están nun estado lamentable. Necesitamos un plan director de infraestruturas deportivas, con perspectiva metropolitana.

As enquisas coinciden en que vai haber moita abstención. Falta ilusión política? É desafección do electorado cara todos os partidos?

Nós estamos traballando duramente para convencer aos indecisos e indecisas de que voten á Marea, a única forza que abriu camiño nestes últimos oito anos na cidade.

Critican que o Goberno local non fixo nada por mellorar o acceso á vivenda pero a Marea cando gobernou, aquela compra de vivendas para alugueiro non foi moito éxito.

Tampouco entón era tan grave o problema da vivenda, empeorou nestes catro anos e dende a oposición estivemos propoñendo medidas claras.Nestes últimos catro anos A Coruña converteuse na cidade máis cara de Galicia para vivir. Os dous únicos proxectos de vivenda pública municipal son herdanza da Marea, do Goberno de Xulio Ferreiro. Queremos construír 200 vivendas públicas nos terreos do Concello en Xuxán, ampliar a bolsa municipal de vivenda para xente moza, e que haxa un plan de rehabilitación, con axudas a propietarios que se comprometan a sacar esas vivendas ao alugueiro a un prezo razoable. Na Coruña hai entre 10.000 e 20.000 vivendas baleiras, é unha oportunidade que temos que aproveitar. E temos que regular as vivendas turísticas.

O candidato da Marea, nunha terraza no entorno da praza de San Agustín.   | // VÍCTOR ECHAVE

O candidato da Marea, nunha terraza no entorno da praza de San Agustín. | // VÍCTOR ECHAVE / M. Villar

Íalle preguntar agora por iso. Restrinxir ou prohibir as vivendas turísticas? Hai máis de 800 na cidade.

O Concello ten a obriga de regular as vivendas de uso turístico, como fai o Concello de Santiago, por exemplo. Nós levamos a pleno unha proposta executiva para regular as vivendas turísticas que Inés Rey desbotou pero non propuxo ningunha outra regulación, o que fixo foi anunciar unha moratoria que logrou un efecto chamada e tivo un efecto contrario, incrementar de maneira moi importante os pisos turísticos nos últimos seis meses. Nós propoñemos unha regularización, un número máximo por barrios, e unha regulación para que os pisos turísticos se poñan nas plantas baixas dos inmobles.

Hai candidatos que defenden revisar o plan xeral. Está de acordo?

Por suposto. É fundamental modificar o plan de urbanismo municipal. Xa ten dez anos e recollía desenvolvementos desmesurados que viñan dos anos noventa do século pasado. E todos os partidos da Corporación teñen que ver con este plan municipal. Levamos 25 anos sufrindo un urbanismo totalmente desmesurado, cunhas edificabilidades anacrónicas. Non se pode construír no 2023 con criterios do 1998. E non se pode facer un urbanismo ao revés, pensar primeiro no interese de promotores e construtores e despois nos servizos que se van a prestar a esas persoas. En Someso construíronse primeiro os bloques de vivendas e aínda a día de hoxe non teñen servizos básicos. Queremos unha reserva do 50% das vivendas de protección oficial para alugueiro público.

As estatísticas policiais e algunhas entidades din que aumentou a inseguridade cidadá na Coruña. Percíbeo así? Que medidas tomaría?

Para nós un barrio seguro é un barrio con vida, limpo, ben iluminado, cos baixos comerciais abertos, onde se poida acceder a unha vivenda digna. Sempre pode haber problemas de convivencia pero teñen que tratarse dende o traballo social, con medidas de integración, e en último caso medidas policiais. Non cremos na estigmatización dos barrios. Sinalar barrios creando un pánico infundado prexudica a eses barrios. O outro día falamos con comerciantes que se queixaban da irresponsabilidade dalgúns partidos políticos e medios de comunicación de xerar un pánico infundado que fai que a xente non vaia a eses barrios.

Cre que hai máis atención ao centro da cidade que aos barrios?

Non temos ningunha dúbida. Nestes catro anos existiu unha política de Goberno que se centrou no centro da cidade esquecendo as necesidades dos barrios. Eu crieime na Agra do Orzán e sei o que é vivir esa sensación de que A Coruña comeza na praza de Pontevedra, iso ten que acabar. Eu de neno pedía permiso na casa para baixar á Coruña. A Coruña non empeza na praza de Pontevedra nin en Catro Camiños nin na praza de España. Hai que poñer en marcha un plan de choque de coidado dos barrios e completar equipamentos pendentes como na biblioteca de Novo Mesoiro, a escola infantil de Xuxán, as reformas dos mercados...

No programa electoral falan de cubrir as vacantes da Policía Local. Non aumentar persoal?

No 2015 a Marea tivo un enorme problema coa taxa de reposición cero, unha política do ministro Montoro que nos prexudicou á hora de aumentar os servizos. Ao final do mandato puidemos contratar trinta policías. Moitas veces dende o Concello tivemos que suplir servizos de outras administracións, por exemplo a renda social municipal, porque había moitas persoas que quedaban atrás. Agora propoñemos un plan de saúde mental.

Propoñen aumentar un 20% os recursos destinados a políticas sociais. Iso son moitos millóns. Propoñer está ben pero, de onde saen os cartos?

A Coruña tivo en 2022, grazas ao acordo de Marea Atlántica, o maior orzamento da súa historia. Pero a execución do orzamento do Goberno de Inés Rey foi o máis baixo nunha década. En rehabilitación, de 12, 8 millóns só se utilizaron catro. En deportes igual.Non é un problema de falta de recursos, é que non se executan correctamente. Coa chegada dos fondos Next Generation e o aumento do teito de gasto, é un momento histórico para aproveitar estes recursos.

Outro tema estrela da campaña é o futuro do espazo portuario. A Marea acepta vivenda en San Diego?

A Marea abriu camiño coa recuperación dos peiraos interiores para a cidadanía grazas a que cuestionou os convenios de 2004. Estamos felices de que haxa exposicións, concertos, norias, no porto. Abrámolo moito máis. O distrito do mar tense que ampliar de maneira consensuada coa cidadanía. Hai que facer un proceso participativo, onde as persoas decidan que queren facer. E aproveitar eses espazos para a intermodalidade do transporte, equipamentos culturais, deportivos...

E vivenda?

O que diga a cidadanía da Coruña porque é un proxecto para moitos anos. O bordo litoral hai que abrilo cara a creación dunha cidade da ría do Burgo. A Coruña ten que ampliarse e conectarse co resto de concello,s facer unha auténtica cidade metropolitana da ría. Ese é o gran proxecto da coruña para o futuro.

Falando de área metropolitana, que foi daquel anteproxecto de lei da área metropolitana que pactaron Marea e PSOE e debía presentarse no Parlamento en 2021? Non sabemos nada.

Nós tampouco sabemos nada.Xulio Ferreiro gastou moita enerxía en impulsar a área metropolitana, enerxía que non lle foi recoñecida.

Será que iso da unión con outros concellos non dá votos?

Pero é algo bo. Facer política estratéxica non da votos. Si o dan festivais, facer fotos.

Marea quere remunicipalizar o transporte público municipal. A concesión acaba en 2024. Dá tempo a facer un estudo de viabilidade, tramitar todo o proceso?

Ese estudio xa estaba acordado nos orzamentos de 2022. En todo caso A Coruña está fronte a unha das grandes oportunidades en mobilidade. Levamos anos co mesmo mapa de rutas, hai que abrir esa mobilidade a toda a área metropolitana e é fundamental ter unha empresa municipal de transportes, como Valladolid, Vitoria, Valencia, Barcelona, Madrid. É unha oportunidade que temos que aproveitar. E o bus tense que interconectar con outras formas de mobilidade, dende a peonil, ás bicicletas. O hospital, a universidade e os polígonos aínda non están conectados, nin entre eles por bus nin entre eles por Bici Coruña. Aínda hoxe non temos un carril bici de calidade á Universidade ou ao Chuac.

A bici pode mellorar a mobilidade dentro da cidade, pero todos os centos de coches que entran na cidade cada día?

Por eso a mobilidade ten que ter unha perspectiva metropolitana. A ampliación só de Alfonso Molina é unha solución vella, non sirve de nada ampliar a boca de embude.

O Goberno da Xunta trata ben á Coruña?

Non a trata ben. Hai equipamentos dependentes da Xunta pendentes: varios centros de saúde, o reforzo dos centros sanitarios...

E o Goberno central trata ben á Coruña?

Tampouco. O parque do Observatorio sería máis viable cunha cesión definitiva do ministerio. O ministerio do Interior négase a ceder o vello cárcere a cidade. Defensa fai caixa cos terreos da Maestranza e en eleccións cede unha parcela con restos arqueolóxicos e que estaba destinada a zona verde. E Portos do Estado actúa como unha inmobiliaria.

Como carteiro, que carta lle gustaría entregar á cidadanía?

Unha carta aberta ao mar, de futuro, verde, onde os coruñeses e coruñesas escriban a súa propia historia e aborden as oportunidades que da este cambio histórico que hai na mobilidade, na transición enerxética, unha carta que diga que poden alugar a un prezo razoable e unha carta que chegue a todos os barrios ao mesmo tempo.

Entrevista de traballo ao candidato

Estas son algunhas das preguntas que fai o departamento de recursos humanos dalgunhas empresas ás persoas que aspiran a un traballo.

Pode falarme do seu predecesor no posto?

Chegou prometendo un ferri a Londres e non puxo nin o carril bus en Juan Flórez.

Que puntos fortes ten?

Conectar coa xente,ver as cousas dende a rúa.

Que puntos flebes ten?

Que quero abarcar moito. Agora mesmo estou grabando un disco tamén coa miña banda.

De que se sinte máis orgulloso?

Da miña familia. Meus pais son uns loitadores. Meu pai foi mariñeiro, carpinteiro, panadeiro. Miña nai traballou nun hotel, criou tres fillos.

Despedírono dalgún traballo?

Nunca.

Despediu a alguén?

Non, e iso que fun director.

Que lle fai sentir incómodo?

O cinismo, a farsa, a mentira en xeral.

Por que deberiamos contratalo/votalo?

Porque son currante, simpático, intelixente.