BENITO PORTELA | Exalcalde de Sada e candidato por Sadamaioría

"Había intereses persoais detrás da moción de censura e cada día que pasa queda máis claro"

"É certo que non se avanzou todo o que queriamos, pero non debemos esquecer que hai só un ano estabamos a asistir ás reunións con máscara"

Benito Portela, exalcalde de Sada y candidato por Sadamaioría.

Benito Portela, exalcalde de Sada y candidato por Sadamaioría. / LOC

Todo apuntaba a un mandato plácido con maioría absoluta pero saltou todo polo aire. Que grao de responsabilidade asume? 

Evidentemente, hai que ter un grao de responsabilidade alto porque es o máximo representante do goberno, pero hai que ter en conta que a tensión foi intencionada no último tramo do mandato para tentar concorrer ás eleccións. Estaba claro que había intereses persoais detrás da moción de censura e cada día que pasa queda máis claro. En seis meses non arranxaron practicamente ningún dos asuntos que alegaron na moción de censura. Ningún. 

Faltou diálogo? Pregúntoo porque os seus socios do BNG, que se mostraron leais, tamén lle reprocharon publicamente que non se falase máis. Arrepíntese de algo?

A falta de diálogo tamén pode deberse a quen non quere escoitar. A señora Nogareda ausentábase bastante a miúdo das reunións de goberno ou demostraba descoñecemento sobre asuntos que se trataron en reunións nas que ela ou non estaba ou non escoitou. Falta de diálogo polas dúas partes.

En 2019 conseguiuse algo histórico en Sada. Por primeira vez a esquerda gañou en votos á dereita. Teme que todo o ocorrido desmovilice ese voto? 

Entendo que non, vexo máis necesario que nunca que se mobilice a xente, que vaia a votar, porque se pretenden que non se vulnere a súa vontade democrática outra vez hai que facer un voto responsable, un voto con memoria e procurar manter un goberno progresista estable durante estes catro anos para sacar adiante proxectos que son vitais para Sada. Para nós é fundamental obter unha maioría progresista estable.

Óese moito iso de que con esta moción lle fixeron un favor. Créeo?

Imos ver, os favores nunca poden ser persoais, eu creo que a moción de censura prexudicou a Sada. Infinidade de proxectos fundamentais quedaron paralizados, outros que alegaron coa moción non foron capaces de desbloquerlos. O importante é o futuro de Sada e o que pedimos é un goberno progesista estable para o próximos catro anos. 

Valeulle para xustificar un terceiro mandato cando o código ético de Sadamaioría limitábao a dous. Cre que iso pode pasarlle factura? 

A situación cambiou, hai que antepoñer Sada ante todo, entendo que hai proxectos fundamentais que temos que impulsalos nós porque sempre apostamos por eles sen fisuras, sen medias tintas. 

Tíñao decidido xa de antes? A modificación do código ético aprobouse antes da presentación da moción... 

Non, eu non o tiña decidido ata a moción de censura. É máis, así o comuniquei cando acordou a asemblea a modificación do código ético en setembro. Esa foi unha decisión da asemblea.

De que se sente máis orgulloso?

Do comportamento da cidadanía de Sada durante a pandemia. Foi exemplar, solidaria e compresiva coa administración máis próxima, que cometemos erros, pero dábanse conta de que faciamos o indecible. Feitos relevantes? Houbo feitos importantes para sentirse orgullosos. Conseguimos a protección patrimonial para A Terraza, a incorporación do pazo de Meirás ao patrimonio público, o ENIL para As Brañas; iniciamos a obtención dos terreos para o centro de saúde, conseguimos os convenios máis grandes de Sada coa Xunta tanto para diminuír o risco de inundacións e outro de dez millóns para a depuradora. Creo que son feitos que pasarán á historia. E no campo dos servizos sociais, aínda que hai moito que mellorar empezando pola estabilidade do persoal, pois multiplicamos o gasto en asistencia no fogar, implantamos servizos como o de atención temperá e conseguimos sacar dúas liñas de axudas para emprendedores e pemes durante a pandemia. 

Quedaron moitas cousas por facer que na campaña de 2019 consideraba prioritarias: o desenvolvemento do chan industrial, o traslado do centro de saúde, a ampliación do colexio, avances materiais na protección das Brañas…

Si, hai que ter en conta como é a tramitación do plan de conservación ou do plan especial son procedementos larguísimos. Si que é certo que non se avanzou todo o que queriamos, pero non debemos esquecer que hai só un ano estabamos a asistir ás reunións con máscara, eh? Foro momentos de incerteza en todos os aspectos. Nós non sabiamos que resultado económico iamos ter en 2021. Conseguimos manter unha estabilidade económica nun momento complicado.

Que obras teñen que facerse si ou si o próximo mandato?

As primeiras, as dos 1,4 millóns que deixamos licitados e as dos 1,1 que deixamos retidos: a escola de Carnoedo, a senda en Veigue, Párroco Villanueva, servizos en Tarabelo, Ameixeral, Tumbadoiro.. Quedaron 65.000 euros para a pista de patinaxe e 833.000 para a primeira fase do complexo deportivo de Mondego. Hai que empezar por facer esas.

E as máis importantes?

Como actuacións prioritarias, ademais da reapertura do río Maior, obter os terreos do centro de salud, arranxar ou pavillón municipal, actuacións no ENIL das Brañas e varias actuacións en rúas, como Riovao ou Igrexa Nova.

É improbable que haxa maiorías absolutas. Cales serán as liñas vermellas á hora de pactar?

Nós, no caso de ser necesario, buscaremos unha ampla maioría para gobernar. A partir do día 29 teremos que manter contacto con todas as forzas progresistas para formar goberno.

Cales son as forzas progresistas?

As forzas coas que tivemos pactos de goberno nestes oito anos e Unidas Podemos, claro.