Entrevista | Noelia Martínez Candidata por Alternativa dos Veciños

“Non se poden facer tantas cousas nuns núcleos e tan poucas noutros”

“Aspiramos a unha representación importante na corporación”

Noelia Martínez.   | // LA OPINIÓN

Noelia Martínez. | // LA OPINIÓN / D. A. L.

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Como afronta a súa primeira candidatura á Alcaldía?

Eu presenteime xa hai catro anos. Formaba parte da candidatura como número dous. Esta vez tocoume o reto de presentarme como candidata. Afróntoo con moita ilusión e con moita forza. Fun elixida co apoio de todos os compañeiros que formamos Alternativa e cos ánimos de moitos veciños e veciñas que pretenden un Arteixo moito mellor.

Vostede é traballadora sanitaria. Que lle aporta a súa profesión para a súa iniciativa na política?

Apórtame o coñecemento de que, a día de hoxe, en Arteixo carecemos de moitas cousas das que non deberíamos carecer. Por exemplo, unha sala de radiodiagnose. A pesar de ter tres centros de saúde, non temos ningunha sala de raios. Vivindo nun concello cun potencial económico como este, temos unha carencia moi básica e necesaria para os veciños.

A que aspira Alternativa dos Veciños en Arteixo este domingo?

Saímos a gañar. Se non pode ser, porque iso é unha decisión do pobo, aspiramos a unha representación importante na corporación municipal. Hai un traballo detrás que sostén esa aspiración. Estamos convencidos de que así será.

Cal sería a súa primeira medida?

A primeira medida será gobernar para todas as veciñas e veciños, sen deixar atrás a ninguén. A prioridade básica para Alternativa será a aprobación dun Plan Xeral para que Arteixo teña a calidade de vida que merece e poida medrar.

Que equipamento considera prioritario no municipio?

Ademais do equipo sanitario, carecemos dun Plan Xeral, que é moi necesario, e doutras cousas como a rede de auga sanitaria e sumidoiros que hai no rural. Son servizos básicos que xa deberían estar instaurados en todas as parroquias. Cremos que tamén é moi necesaria a vivenda de protección oficial.

Pódese mellorar o funcionamento do turismo en Arteixo?

Arteixo ten uns espazos naturais e uns lugares que son dignos de visitar, aínda que o turismo está sen explotar. É unha cousa que está aparcada e non sei por que. O Goberno basease en construír e facer grandes obras, e non se esforzan en coidar os espazos naturais que xa temos.

De que xeito se poden impulsar os núcleos do rural?

Arteixo está formado por trece parroquias. Todos somos Arteixo. Non se pode facer tantas cousas nuns núcleos e tan poucas noutros. Falo, por exemplo, da limpeza nas parroquias. Os centros sociais que hai están moi ben, pero hai que dotalos de actividade e de vida.

Cal é o seu ideal dun Arteixo mellor?

Sería gobernar para todos e todas, independentemente da ideoloxía política que teñan. Habería que ter en conta aos veciños. Hai que escoitar e estar cerca da xente á hora de gobernar.