Entrevista | José Manuel Sande Cabeza de lista de Por Coruña

“Creo que o futuro pasa por acoller a quen estivo nos diferentes procesos estes anos”

“A desfeita das municipais non vén dado da falta de votos, o espazo está, a xente ten en mente estas opcións, e creo que admite unha proposta de reconstrución”

José Manuel Sande.

José Manuel Sande. / CARLOS PARDELLAS

O cabeza de lista de Por Coruña, José Manuel Sande, analiza os resultados electorais, un día despois das eleccións nas que os coruñeses e coruñesas, cos seus votos, decidiron que a súa formación non tivese representación en María Pita durante os vindeiros catro anos. Esta entrevista fíxose logo de coñecer o adianto electoral no Estado.

Desfeita total da esquerda á esquerda do PSOE nestas eleccións municipais, que lectura fai como un dos actores principais da escisión de Marea e a presentación de Por Coruña, esta lista alternativa, logo de ver que os votos non chegaron para que entrase ningunha das dúas forzas?

Non ter representación municipal é unha decepción, a nivel particular, de novo proxecto conseguido, ten unha parte de valor de reconstrución dunha comunidade política progresista na Coruña, entendendo que outras fórmulas poderían estar máis en declive ou enquistadas e apuntamos a un proxecto de longo percorrido, pero non ter representación municipal é un obstáculo. Se sumamos os votos tanto de Marea como de Por Coruña, practicamente, equivalen a tres concelleiros contando con que houbo unha abstención ou un voto que puido ir a outras forzas, por decepción e por non ter ido xuntos. Dentro do negativo, hai esa parte positiva, de que ese espazo político existe e que ten un reflexo en votos e que representaría, nunhas eleccións xerais, a Sumar. Só queda un camiño, que é o da unidade, que na cidade non estivo clara. A cronoloxía dos feitos está aí e eu asumo a parte que me toca. É interesante tamén que saíndo practicamente da nada creamos un proxecto que tivo case 5.000 votos e que ten que mirar cara adiante.

Realmente pensa que seguirá existindo ese espazo político nunhas vindeiras eleccións? Non estará farta a xente de votar opcións que non obteñen representación porque non son quen de se poñer de acordo? Foron 10.431 votos que non teñen escano en María Pita.

Eu creo que o camiño é a unidade, a tendencia ao voto útil eu non a observei tanto nestes últimos anos, por iso cremos que o proceso de Sumar segue a ser un dos máis ilusionantes e agora, nesa liña, ten que haber un camiño de unidade. O espazo político está aí. Eu creo que existe unha comunidade política progresista na Coruña, e en moitos lugares, e hai que darlle unha confianza para que teña un reflexo. Creo que agora non tocan experiencias por separado nin arrogancias nin cousas do pasado. Pasaron moitas cousas, pero a progresía debe ter altura de miras para estar por enriba de diferenzas e resentimentos. Ten que haber unha proposta única para as eleccións xerais, aínda que é algo que xa excede as miñas competencias. Sumar é a única proposta ilusionante.

Houbo xa outras propostas de unidade, apoiadas, por certo, por Yolanda Díaz, que non conseguiron saír adiante, como En Marea nas eleccións galegas, por que vai ser agora diferente e por que vai ser Sumar ilusionante logo destes resultados e en tan pouco tempo?

Incorporamos a sociedade civil, que normalmente non ten reflexo noutras forzas. No caso galego, o BNG non aglutina todo ese voto. A desfeita das municipais non vén dado da falta de votos, o espazo está e pode ser que sexa un problema a nivel de utilidade, pero creo que a xente si que ten en mente estas opcións e creo que admite unha proposta de reconstrución e creo que é o gran reto de Sumar aquí.

Na política local coñécense todos e moitos de vostedes teñen unha pesada mochila detrás, para ese proceso de reconstrución, non sería imprescindible que se borrasen todos os actores do pasado e quedase en mans de xente nova?

Eu non creo en hiperliderados, nin na política desde unha perspectiva persoal, coido que ten que haber un relevo constante e figuras que poidan ser referenciais, o importante é aglutinar a todos e sumar talentos. Ten que haber figuras novas e que as forzas políticas se renoven. A experiencia destes días valeunos para saber que unha forza como Por Coruña, partindo practicamente da nada, sacou case 5.000 votos, aínda que non fose o resultado apetecible; queriamos ter representación.

Fai referencia a que partiron “practicamente da nada”, pero iso tampouco é así, a súa número 2 era concelleira non adscrita en María Pita, logo de terse presentado por Marea, vostede foi concelleiro tamén con Marea, a número 3, Carmen Armada, é a coordinadora de Esquerda Unida...

Da nada non, pero os resultados iniciais das enquisas eran moito máis baixos. Era un proxecto novo e houbo menos de catro meses para desenvolvelo. A experiencia foi exprés e permitiu ver que existe ese pouso de voto, aínda que creo que non resolvemos dúbidas como as que tiñan que ver coa separación das dúas formacións políticas. Moita xente non chegou a comprender o que acontecera e iso foi determinante para non ter representación.

Os tempos marcáronnos vostedes, poderían ter empezado antes, por exemplo, cando Isabel Faraldo colleu a acta e non se integrou en Marea, non?

Ou cando, aos poucos días das eleccións, se colleu a acta de Esquerda Unida [en referencia á de Silvia Cameán]. Eu non son partidario do que aconteceu na etapa 2019-2023 no goberno da cidade, cunha crise interna exhibida publicamente, creo que hai que tratar de serenar e traballar desde dentro. A situación foise volvendo endogámica en Marea Atlántica co tempo e ese declive viuse na propia relación co Goberno e nos sucesivos acordos que se ían establecendo e creo que a organización foi perdendo pluralidade. Creo que o futuro pasa polo entendemento de acoller a quen estivo nos diferentes procesos todos estes anos. Ninguén se pode sentir propietario dun espazo. Era pretensioso pensar que Esquerda Unida, Podemos e activistas sociais foran a quedar fóra dun proceso no que non parecía que fose haber entendemento. Eu lamento que se prolongasen tanto os tempos, pero non fago vitimismo. Había que reaccionar para que non quedase fóra un espazo político. Fronte a unha organización en declive había a posibilidade de exhibir esperanza.

Quedaba fóra daquela e quedou fóra agora, logo das eleccións.

As cousas non só teñen que ver coa representatividade, tamén está a supervivencia dos proxectos.

O futuro do espazo de Por Coruña depende do que diga Sumar?

Non unicamente, toca reflexionar sobre o acontecido, pero unha cidade non pode parar, ten que seguir viva, a sociedade civil ten un labor fundamental, creo que hai que deseñar un futuro na cidade e ter unha interacción co futuro Goberno local.

Logo de gañar unhas eleccións en 2015 e perdelas en 2023, quédanlle ganas de seguir en política?

Volvín porque non me gustaba a situación que había. Non tería aparecido se a etapa 2019-2023 fose outra, tanto por parte do Goberno local como da oposición. Seguirei axudando e a disposición do que se me pida desde o compromiso e o traballo. Non tivemos representación institucional, que ten a súa parte de decepción, pero creo que o conseguido nestas eleccións ten moito valor.