Entrevista | Javier Gestal Alcalde en funcións de Carral e gañador con Alternativa dos Veciños

“Prefiro ter un saneamento en condicións que montar un ‘castillo’ para que o vexan”

“Conseguiuse unha maioría absoluta, iso é un Goberno de estabilidade e poder traballar ben a gusto para o pobo de Carral” | “A min que me saca o sono é a depuradora”

O alcalde de Carral e candidato de Alternativa dos Veciños, Javier Gestal.

O alcalde de Carral e candidato de Alternativa dos Veciños, Javier Gestal. / CARLOS PARDELLAS

Parabéns. Que tal? Contento?

Si, moi contento.. Conseguiuse unha maioría absoluta, iso é un Goberno de estabilidade e poder traballar ben a gusto para o pobo de Carral.

Contaban con acadar unha vitoria tan ampla?

Eu fixen a miña campaña e sempre que a fago vou porta por porta e da xente recibín un apoio moi grande e fun sempre moi ben recibido en cada casa. Tiven moitas promesas da xente e máis ou menos coincidiu o que me foi dicindo a xente.

Pero contaba con conseguir a maioría absoluta?

Si, si. Porque o fixemos ben. Era un concello endebedado e fíxose bastante ben. E puxemos ao Concello con superávit dende o ano 2020. E, ao mesmo tempo, as facturas estanse pagando a 31 decembro e non queda ningunha no caixón.

Moitas veces esas medidas non se ven e non dan votos.

Xa,xa, xa. Pero era un dos obxectivos meus. Eu pensaba nos concellos que teñen uns cartiños aforrados e que Carral non tivera un céntimo... Este ano xa compramos dúas parecelas xunto ao centro médico e tamén para a depuradora no Quenllo, que é unha das prioridades. O que dis ti, é unha obra que non se ve, pero para min é o primeiro. Eu prefiro ter un saneamento en condicións e non montar un castillo para que o vexan os veciños. Non son obras que se vexan, pero á larga dan resultados.

O PSOE pagou os pratos rotos da ruptura do Goberno bipartito.

Home, claro, por suposto! É que si fixera unha coalición como Dios manda... Pero o pretendeu era gobernar, cando o alcalde era eu. Era unha coalición de Goberno pero el [Pablo Couto] o que pretendeu era gobernar, parecíalle que ía gobernar, e gobernar aínda gobernaba o alcalde.

En canto soubo os resultados, que foi o primeiro que fixo?

Agarrarme aos membros do Goberno, porque o esforzo que fixemos foi espectacular. Agarrarme a eles e chorar.

De alivio?

De alegría. De ver que todo o esforzo que se fixo deu o seu froito. E para min foi máis importante que eles puideran desfrutar deste premio porque o merecían, que botaron catro anos loitando como auténticos guerreiros, e estes 15 días foi espectacular como traballaron. Son xente traballadora, honrada e capacitada, e iso é moi importante nun Goberno. E non é unha xente interesada, nunca piden nada a cambio do traballo que fan. Iso é moi importante.

Cal será a súa primeira medida?

De primeiras, a min o que me saca o sono é a EDAR [estación depuradora de aguas residuais]. Eu en canto teña unha depuradora ben montada en condicións aquí no Quenllo, que xa se compraron tres fincas... E xa temos unha subvención nominativa da Deputación para o proxecto da depuradora. Hai que facela de novo. A que hai é obsoleta. Leva sen funcionar desde 2010 e está vertendo ao río Brexa. Fun falar con Ethel [conselleira de Infraestruturas]a ver si nos daban unha axuda, e Ethel mírame un pouco… estamos intentando solicitada a través de Transición Xusta. Fixemos unha solicitude, veu denegada, pero agora comprometéronse con nós do Ministerio a que imos ser dos primeiros en recibila. Outra opción é que financie un terzo a Deputación, outro Emalcsa e outro, o Concello. E o PXOM é outra das prioridades. Agora teño no goberno unha persoa boa en Urbanismo, e que o leve xa directamente.

Como lle vai cambiar a vida a maioría absoluta?

A vida non me cambia. Ao mellor vou ter máis traballo, máis responsabilidade, porque agora teño que demostrar aos veciños, si confiaron en min... Estes catro anos teño que devolverlles aos veciños a confianza que depositaron en min.