Fitur 2023

Poio, atractivo natural

» A vila estará presente no stand da Red de Pueblos Mágicos de España, do que Combarro forma parte

As secuoias americanas conforman o singular Bosque de Colón.

As secuoias americanas conforman o singular Bosque de Colón. / Cedida

B.C

Poio volve ter visibilidade como destino turístico en FITUR, estando presente no stand da rede Pueblos Mágicos de España.

Ao igual que na edición de 2022, Poio participará, xunto a outras nove localidades galegas, nesta rede impulsada polo Instituto del Desarrollo Local y Estudios Sociables (IDL).

Dentro deste programa, a liña de traballo da Concellería de Turismo busca poñer en valor os espazos naturais de Poio.

Entre eles atopamos espazos como a Illa de Tambo, que agocha un rico patrimonio histórico, cultural e ambiental, sendo a súa vez un interesante enclave natural para a observación de aves marinas (corvos mariños, garzas reais...).

Este ano, tal e como explican dende a Concellería de Turismo, a Illa será unha das protagonistas dentro do material promocional que Poio ofrecerá en FITUR, xunto a Casa Museo de Colón e o singular espazo do Bosque de Colón.

Este bosque, situado nunha ladeira do Monte Castrove, agrupa unha das maiores extensiós de secuoias vermellas californianas de toda Europa.

“Estamos a falar de dous grandes atractivos non só desde o punto de vista turístico, senón tamén histórico, patrimonial e cultural e que, ademais, poden axudar a atraer a visitantes fóra da tempada do verán”, incide a tenente de Alcalde Silvia Díaz, que salienta a gran expectación que causaron as visitas guiadas á illa de Tambo, operativas desde agosto do ano pasado e nas que tomaron xa parte máis de 5.000 persoas, ben a través de inscricións individuais ou tomando parte en excursións organizadas por asociacións e colectivos.

Con respecto á Casa Museo de Colón, Díaz salienta que as instalacións de Portosanto son “o escaparate e o centro de difusión da teoría da orixe galega do navegante”, algo que agora máis que nunca búscase poñer en valor, logo dos traballos de investigación e exhumación de restos que se levaron a cabo nos últimos meses no adro da igrexa de San Salvador para tratar de determinar a orixe do descubridor do continente americano.

Por outra banda, a concelleira de Turismo participará no acto de presentación da campaña de promoción do destino Rías Baixas, promovida pola Deputación de Pontevedra.

Ademais, Silvia Díaz tamén asistirá ao acto no que se divulgará a campaña ‘Camiña comigo’ da Mancomunidade do Salnés, na que se promociona a Variante Espiritual do Camiño Portugués, da que forma parte Poio e que transcorre ao longo de emprazamentos emblemáticos como o Mosteiro de San Xoán, a ensenada da Reiboa e o Parque da Memoria ou o casco histórico de Combarro.