Un referente para o turismo galego de inverno

O pasado mércores tivo lugar a presentación da cita gastronómica no Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago de Compostela

LALIN. FEIRA DO COCIDO COMIDA OFICIAL NO PAZO DE BENDOIRO

LALIN. FEIRA DO COCIDO COMIDA OFICIAL NO PAZO DE BENDOIRO / Bernabé

M. G.

Con máis de medio cento de actividades programadas ao seu abeiro durante as semanas previas e posteriores ao día grande, a Feira do Cocido de Lalín aglutina toda unha serie de propostas que fan do concello pontevedrés un punto de interese tanto a nivel galego como estatal nestas primeiras datas de cada ano.

Para o goberno local, encabezado por Xosé Crespo Iglesias, o principal obxectivo para esta edición está “en potenciar aqueles aspectos da Feria que se facían ben, e en introducir algúns cambios para que a Feria se encamiñe cara a excelencia e cumplir merecidamente coa recente declaración oficial de Festa de Interese Turístco Internacional. O Cocido é unha celebración gastronómica na que se exalta o noso prato máis sobranceiro e popular da cociña galega e, na que haxa unha firme aposta pola calidade, a participación, a colaboración cidadá e a solidariedade”.

Dentro dos actos de promoción da festa, o pasado mércores tivo lugar no Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago de Compostela, a presentación oficial da LVI Feira do Cocido. Nela estiveron presentes o rexidor da localidade, acompañado da concelleira de Turismo, Begoña Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.

Lobby gastronómico

Durante a presentación, Crespo confirmaba que están a manter conversas con outros concellos para crear un lobby integrado pola Feira do Cocido, a Festa do Pulpo do Carballiño e a Festa do Marisco do Grove, entre outras, para así “perseguir conxuntamente a internacionalización destas citas”. Así, o obxetivo sería levar a cabo unha promoción conxunta dos produtos galegos, e a captación de fondos europeos para impulsar a gastronomía galega en eventos internacionais.

A concelleira de Turismo, pola súa banda, deu conta da participación de máis de medio cento de produtores e dunha vintena de restaurantes na edición deste ano. Durante a presentación, Blanco tamén quixo recordar que, ainda que o día grande sexa este domingo, “hai cocido en Lalín todo o año”, máis alá incluso do xa coñecido como Mes do Cocido en Lalín, de San Amaro (15 de xaneiro) a San Valentín (14 de febreiro).