Pode que non saibades aínda que foi un rei o primeiro en peregrinar a Santiago, que o seu nome era Alfonso II e que todo empezou alá polo Século IX cunhas luces estrañas nun lugar que antes era un bosque e que hoxe en día ocupa a cripta do Apóstolo Santiago. 

Pero, se vos interesa, permanecede cos ollos ben abertos e moi atentos porque, esta historia da nosa historia, mellor ca nós, váivola contar a nosa pequena artista de Escola en Camiño Xulia Rosalía Domínguez xunto a todos os seus compañeiros da clase de 4º Primaria do CEIP San Salvador. 

Porque si, claro está que a orixe do Camiño pode contarse de mil e un xeitos, pero qué mellor que facelo a través dun cómic!, ou non?

“Este formato gusta moito ao alumnado, axuda moitísimo a compresión lectora grazas a combinación de imaxe e texto e favorece o gusto pola lectura, é unha moi boa forma de que tamén aprendan a forma de secuenciar unha historia, de entendela e de contala”, explica Noelia Pérez Alonso, mestra responsable da nosa aula de pequenos autores de novela gráfica do CEIP San Salvador. 

Cómic que ten como fin mostrar a orixe do Camiño de Santiago, elaborado por Xulia Rosalía Domínguez González xunto aos seus compañeiros de 4º de Primaria do CEIP San Salvador para Escola en Camiño. Cedida

Fai uns días propuxo aos seus alumnos e alumnas ler sobre a historia da Orixe do Camiño de Santiago: esa que conta que un ermitán, de nome Paio — aínda que pode que tamén se chamase Pelagio, ou Pelayo, ou Payo—, viu unha luz estraña no bosque e deseguida foi avisar ao bispo Teodomiro de Iria Flavia, que entón descubriu o sepulcro do Apóstolo. 

A mesma historia que nos explica que, inmediatamente despois, deron recado ao rei Alfonso II, quen acudiu a ver a tumba dende Asturias, reino ao que por aquel entón pertencía Galicia, converténdose deste xeito na primeira persoa en recorrer o Camiño ata Santiago e inaugurando a que hoxe se coñece como Ruta Primitiva, entre as máis antigas e fermosas de cantas vías Xacobeas existen.

¿O resultado? Salta á vista: A proba de que quen sabe traballar en equipo sempre sae gañando; de que o noso Camiño ten historia para longo; e de que a lectura sempre acaba por encontrar o xeito de sorprendernos

Así o aprenderon todos na clase coa mestra Noelia, e, despois, fixeron un cómic a modo de infografía para contárnolo a nós: os lectores do xornal. Cada un dos membros da clase preparou a súa propia proposta para logo poder poñelas en común e melloralas entre todos.

Gustou moito a de Xulia Rosalía Domínguez González, sempre “moi implicada nas tarefas da clase, moi responsable e moi boa compañeira”, segundo contan os nosos reporteiros de Escola en Camiño do CEIP San Salvador: “O Cómic de Xulia combinaba ben os bocadillos cos debuxos, soupo como estruturar o conto, e todos os seus compañeiros elexírono, xuntos, como o representante da clase para Escola en Camiño”. 

¿O resultado? Salta á vista: A proba de que quen sabe traballar en equipo sempre sae gañando; de que o noso Camiño ten historia para longo; e de que a lectura sempre acaba por encontrar o xeito de sorprendernos. 

¡Marchando unhas ‘Vieiras recheas de camiño’!

O camiño é patrimonio, pero tamén gastronomía e simboloxía, coma a tradicional vieira que sempre acompaña ao peregrino na súa andaina ou coma esas outras das que gozamos nas mesas galegas durante os solpores do verán, e, se non, que llo vaian contar aos alumnos de 5° de Educación Primaria do CPR Padres Somascos - Fundación Educere, que deleitan a nosa vista coas súas “Vieiras recheas de Camiño”, unha serie de ilustracións de elementos destacados das distintas etapas Xacobeas con forma de vieira, que ademais foron debuxadas con idea de crear un catálogo a reproducir en cerámica. 

“O alumnado coñeceu as diferentes partes do Camiño Portugués pola Costa dende o seu inicio ata a chegada a Santiago, descubriu e elixiu un elemento que considerou representativo e, sobre todo, gozou moito da súa creación. Están moi satisfeitos co álbum creado e o resultado final conseguiuse coa colaboración de todos e todas”, conta a mestra Amparo Castro Pérez sobre unha proposta que pon unha vez máis en valor a importancia do traballo en equipo e que poderase ver moi pronto na páxina web de Escola en Camiño, xunto ao resto de traballos. 

Unha boa mostra da calidade e orixinalidade das achegas que está a recibir o proxecto por parte dos coles e que, xoves si, xoves non, convértense en protagonistas dunha páxina do xornal, a mellor oportunidade de coñecer o Camiño a través da ilusión dos ollos dos máis creativos da casa. 

Os coles galegos recorren a esencia do noso patrimonio

Escola en Camiño é un proxecto de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia dirixido aos centros educativos de Galicia para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago.

 A andaina desta primeira edición permanecerá en marcha ata abril do 2022 e contará cunha gala de entrega de premios no Museo do Mar de Vigo. A maiores, elaborarase tamén o xornal “Escola en Camiño” cos mellores traballos, un exemplar que se distribuirá tanto nos centros educativos participantes como encartado con Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. 

¡Descubre todos os traballos aquí!