A UE ten un Parlamento Europeo no que Galicia pouco ou moi pouco ten que dicir dende aquel tempo no que o eurodeputado do BNG Camilo Nogueira botaba man do idioma portugués para se expresar nunha das linguas admitidas na Eurocámara.

Lídia Senra, deputada galega en Bruxelas, batalla en solitario para que ese mesmo Parlamento insista perante a Comisión Europea de tal xeito que o xeito, como arte de pesca, sexa recoñecida non coma unha arte tan depredadora que se teña que prohibir, senon coma unha arte de pesca que nada ten que ver coas denostadas e prohibidas cortinas da morte, esas volantas asasinas que inzaron o mar Cantábrico de resentimentos e, vai xa camiño dos 25 anos, provocaron unha xenreira inaudita entre compañeiros de profesión aos que o único que os facía distintos eran as artes que empregaban: os franceses turraban dos aparellos industriais e os galegos, asturianos, cántabros e vascos proclamaban o seu dereito ao uso de artes tradicionais.

Agora, e así un ano máis, Bruxelas (e mesmo Madrid) seguen sen entender que o xeito non é unha volanta coma as dos galos ou italianos. É unha arte de enmalle de deriva, mais usado por embarcacións tradicionais.

Hai clases, diría o amigo Chinglán. Non todas as artes de enmalle son coma as que produciron en 1994 os enfrontamentos que remataron, no verán dese ano, co apreixamento do boniteiro francés La Gabrielle, que boniteiros de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, conduciron ao porto de Burela para demostrar a Europa que as cortinas da morte eran reais e eran empregadas polos franceses.

A sardiña xa está ahí, ás portas. Lídia Senra non desiste. Quere que o xeito perviva. Pero que o faga dignamente, e non como quere facer o Goberno central co reparto da xarda para este ano, no que as tres provincias marítimas de Galicia van poder pescar un 17,45% da cota, cando a Cantabria lle dá o 25,7%, ao País Vasco o 42% e a Asturias o 14,7%. Todo pese a saber que a flota galega é, na práctica, o 50% do censo de embarcacións que empregan artes distintas ao arrastre e o cerco.

A empanada está feita. E no reparto, como se fai a cotío, Galicia e Asturias non gañan.

Dá a impresión de que, para o xeito e pensando na sardiña, tampouco vai haber acougo. Tempo ó tempo.