Entrevista | Ana Pontón Portavoz nacional do BNG

“O BNG pode ter a hexemonía en Galicia e o PP está nervioso porque entramos na súa base”

“A campaña foi o que nos espera: un Partido Popular máis ultra e subordinado a Madrid”

“Que nos acusen de ser unha forza terrorista supera todos os límites”

“Cada forza debe facer a súa análise, pero está ben non confundirse de inimigo”

Ana Pontón, líder do BNG nos xardíns do Parlamento.

Ana Pontón, líder do BNG nos xardíns do Parlamento. / Xoán Álvarez

Daniel Domínguez

Ana Pontón é a líder máis exitosa nas urnas a nivel autonómico en toda a historia do nacionalismo galego. Hai catro anos, obtivo 19 escanos, pero o 18-F rompeu ese teito ata lograr 25 logo dunha campaña moi emocional na que aglutinou tanto voto de esquerda como votantes do PP, segundo expón. A maioría absoluta popular co 47% deixoulles aos nacionalistas un sabor agridoce, pero a súa portavoz nacional, que ten intención de repetir como candidata no 2028, sostén que todo cambiou na política galega.

Que sucedeu o 18-F?

Houbo un resultado que consolida ao BNG como alternativa clara fronte ao PP. Hai catro anos moita xente dicía que o BNG xa chegara ao seu teito e estamos vendo que non o ten e que quen chegou ao seu teito foi o PP. Neste momento, hoxe hai unha unha alternativa clara: canto máis BNG, menos PP.

Iso é unha resposta ao PSdeG, que dixo que a máis BNG, máis PP?

Non, o que vimos é que a suba do BNG conseguiu tamén restarlle representación ao PP. Cada forza política ten que facer as súas análises. En todo caso, en política está moi ben non confundirse de adversario, nin antes, nin durante, nin despois das eleccións.

Non pescaron só votos na esquerda, quere dicir?

Podemos chegar a moitos segmentos da sociedade. Estas eleccións demostran que podemos ter a hexemonía política no futuro. Ese é o obxectivo co que traballamos. Eu refuto esa idea de que os votos son dos partidos: son das persoas. Nestas eleccións houbo moitísimas persoas que votaron por primeira vez na súa vida ao BNG e fixérono con ilusión. Aí é onde somos quen de construír unha alternativa. Pensa que incrementamos máis de 155.000 votos, é mais do triple do que perdeu o Partido Socialista. Polo tanto, é evidente que aquí hai un cambio de ciclo. Podemos velo, por exemplo, en Vigo, onde o BNG é a primeira forza na principal ou en concellos tan importantes como Redondela, Moaña, Cangas.... Creo que anticipa un cambio máis profundo na sociedade, pero á veces os cambios tardan máis en producirse.

De onde veñen os seus votos? O PSdeG perde 40.000 e vostedes gañan 160.000.

Seguramente hai xente que ou ben non votaba e que nestas decidiu votar, ou moita xente que votou por primeira vez, e moita xente que noutras ocasións colleu papeletas diferentes. E de todos os ámbitos, tamén do PP. Por iso está tan nervioso o PP, porque sabe que estamos entrando na súa base.

Parecían máis contentos que nerviosos a noite do domingo.

Si, pero durante toda a campaña estiveron moi nerviosos, e tamén é certo que ás veces hai tendencias que anticipan cambio.

Pero o PP superou o 47% de votos e repetiu maioría absoluta. Iso non parece un cambio.

Baixou porcentaxe de voto e baixou dous escanos. É certo que o PP ten fortaleza, pero...

Moita máis que a esquerda, polo visto.

O BNG ten moita fortaleza, que é clave para conseguir un cambio máis profundo. En todo caso, vimos tamén a campaña máis sucia do PP polo menos nos últimos 15 anos. Vai sempre dopado ás eleccións. Empregou a mentira e a difamación contra o BNG, utilizando á Xunta para facer descaradamente campaña electoral, cun nivel de manipulación dos medios públicos que vai ter que ser estudado nas facultades de Xornalismo... E aínda con todo iso, ten un resultado que non é mellor que o de hai 4 anos.

Vai denunciar ao PP, como dixo que estaba a estudar?

Estámolo estudando.

Que foi o máis lles molestou?

Que se nos acuse de ser unha organización terrorista. Iso sobrepasa todos os límites do que está permitido na opinión pública. O PP demostrou que a eles non lles interesa Galicia, o que lles interesa é manterse no poder. Esta campaña é a antesala do que nos agarda esta lexislatura: o PP máis ultra e máis subordinado á Madrid.

Percibe decepción logo da corrente de ilusión da súa campaña, pensando que esta era a súa mellor oportunidade, un momento de suposta debilidade do PP cun candidato novo...

A xente ve que o BNG fixo todo o que estaba na nosa man.

Cre que non lograron o cambio pola existencia do medo a unha presidenta nacionalista no votante máis conservador?

Non. Ter por primeira vez unha muller presidenta coas mans libres non creo que fora o motivo polo que ninguén deixase de votar BNG, ao contrario.

Existe tensión entre quen ten no BNG un discurso máis como o seu e quen ten posicionamentos máis maximalistas, de liña dura?

O BNG é unha organización unida e cohesionada.

A imposibilidade do cambio foi culpa de PSdeG e Sumar?

Hai un resultado que é o que é. Todas as forzas políticas teñen o dereito a presentarse. E, en todo caso, insisto, non son de lle botar a culpa a ninguén. O BNG fixo a súa parte do traballo.

Que opina sobre a campaña que levaron Feijóo e Sánchez, nacionalizando os comicios?

O PP tentou facer de Galicia un trofeo que entregarlle a Feijóo, exemplo de que estamos ante un PP totalmente submiso e é unha falta de respecto.

E Sánchez?

Quen tiña unha caravana propia era Feijóo.

Hai tres anos abríu un periodo de reflexión para decidir se repetía como candidata. Vai esgotar a lexislatura e presentarse no 2028?

Aínda queda moito, pero creo que unha forza política cando ten a portavoz nacional que en oito anos pasa de que nos dixeran que iamos desaparecer a situala como segunda forza e superando o noso teito, pois síntome con máis apoio, forza e ilusión que nunca.

Repetirán coalición con Bildu e ERC nas europeas de xuño?

É un proceso que imos abrir no futuro.

Penalizounos o vínculo a Bildu?

Levamos coas mesmas alianzas durante os últimos anos e non deixamos é de subir.

En Vigo foron a primeira forza. Como aproveitarán ese caudal de votos, que contrasta cos 3 de 27 concelleiros que teñen?

Quero darlle as grazas a Vigo por un apoio que expresa o malestar na principal cidade deste país cun goberno do PP que durante estes últimos 15 anos a maltratou e a olvidou.

Repitirá Xabier Pérez Igrexas como candidato nas municipais?

Falta moito tempo. Melloramos e debemos reflexionar para ver como ser quen de dar un gran salto.

“Eu son nacionalista, non independentista”

Dixo que o camiño para medrar é “ensanchar a base” do BNG. Como?

Pois como levamos facendo todos estes anos, traballando coa man tendida, explicando cal é o noso proxecto e facendo do BNG o proxecto común de todas as persoas que queren unha Galicia mellor.

Moitos analistas vinculan o seu éxito con centrar o discurso nas cousas do comer e do día a día, nas políticas sociais e os dereitos cidadáns, e non en cuestións identitarias. Supón iso a renuncia por parte do BNG a demandas propias máis polémicas? Fai un discurso de mínimos, por dicilo así?

O BNG é unha forza nacionalista, nunca vamos a renunciar a ser... Independentista? Somos unha forza nacionalista, levámolo non o noso nome. E, ademais, creo que iso está moi claro nesta organización. Só tes que ler os nosos textos para corroboralo [no 2021 eliminouse a referencia ao independentismo]. Sempre nos definimos como nacionalistas, que é onde nos sentimos cómodos. Creo que canta máis capacidade de decisión teñamos en Galicia, mellor para a defensa dos nosos intereses. De feito, creo que moitas cousas de comer teñen que ver con iso, como ter a chave dos nosos cartos e o mellor sistema de financiamento.

E a vostede gustaríalle unha Galicia independente?

Gustaríame unha Galicia onde os galegos teñan o maior número de decisión nas súas mans.

Perdoe que insista, pero non me responde.

Estame plantexando algo que eu non son. Eu son nacionalista, e punto. Iso significa que no meu país poidamos tomar decisión sobre a AP9, o que pasa no noso litoral, ou como xestionar os portos.

A falta de concreción sobre o seu modelo lingüístico e se apoiarían un sistema monolingüe costoulle votos?

Non, o que hai é unha preocupación moi grande porque o galego é a única lingua que perde falantes en todo o Estado español e precisamos medidas para apoiar a nosa lingua.

Suscríbete para seguir leyendo