O documentalista militante

O profesor Xaime Varela presenta no Festival de Cans o arquivo audiovisual de Carlos Asorey, autor das únicas gravacións da emigración galega en Europa dos anos 70

Fotograma de 'O oficio do desterro', filmado en París.

Fotograma de 'O oficio do desterro', filmado en París. / Cedida

Ángel Graña

O pasado mércores o coñecido como Baixo de Carlos, do Festival de Cans, foi testemuña dun fito histórico para o audiovisual galego. Na sección Cineherdanzas do certame da vila louriñá proxectouse unha mediametraxe de 40 minutos realizada polo cineasta Carlos Asorey, natural da parroquia cruceña de Loño, e primeiro documentalista que gravou para a posterioridade a vida cotiá dos galegos emigrados en Europa, nomeadamente en París, na década dos anos 70 do século pasado. O profesor e investigador agoladés Xaime Varela foi o encargado de coordinar a proxección despois dun traballo de recuperación da man dos familiares do finado cineasta cruceño.

Fotograma de ‘O oficio do desterro’, filmado en París.   | // CEDIDA

Emigrantes galegos na curtametraxe 'O oficio do desterro'. / Cedida

Varela lembra como e cando empezou a saber de Asorey: “Eu traballei en París entre os anos 1996 e 2001 como profesor de galego na Sorbona e coñecín a moita xente que estivo vinculada ao Centro Galego. E foi xustamente unha persoa moi activa na Asociación Cultural O Toxo, que funcionaba como Centro Galego nos anos 70, a que un día me comentou que tiña que facer o posible para encontrar os arquivos e filmacións de Carlos Asorey”. Aínda que resulte estraño non foi complicado facerse co traballo do veciño de Loño porque, segundo Varela “ten un irmán en Santiago e a familia conservaba parte polo menos dos arquivos del porque faleceu no ano 2015. A familia conservaba as Súper 8, que son todas de finais do 70. Conservaron a súa obra pero nunca a viran. Xustamente por iso se levou á Filmoteca de Galicia [na Coruña], que a dixitalizou a cambio de que se deixe en doazón. E alí están”.

Cartaz da Festa Popular da Montaña do ano 1977 en Loño (esquedada) e retrato de Carlos Asorey (arriba) en París.   | // CEDIDA

Retrato de Carlos Asorey en París. / Cedida

A escolma feita do traballo de Asorey son como sete horas de gravacións en total. Hai moito material bruto sen montar, “cousas que se desbotaron porque el gravaba ás veces dun xeito un tanto compulsivo”, lembra o investigador agoladés. De feito, todo lle interesaba ao cineasta de Loño porque gravou cousas moi diferentes. “Hai como dúas ou tres curtas, imos chamarlle mediametraxes porque teñen entre 20 e 40 minutos. Unha non é de fácil visionado e as outras dúas un pouco máis. Con todo, é un home que quería facer cine documental a veces ficcionado pero moi experimental. Quero dicir que hai que ter en conta que estudaba cine na universidade París VIII que foi creada tras a revolta do 68, un centro moi preocupado por tódolos cambios sociais que estaban a ocorrer no mundo”, explica o profesor Xaime Varela.

Dedicatoria aos mortos en Portodemouros de Carlos Asorey.   | // CEDIDA

Dedicatoria aos mortos en Portodemouros de Carlos Asorey. | // CEDIDA / Ángel graña

Un visionado polas pezas filmadas en Súper 8 por Asorey mostran un cine comprometido con determinadas causas sociais e moi comprometido tamén cos emigrantes e exiliados galegos como é o caso da curta O oficio do desterro. “A súa idea era facer en Galicia o que se estaba facendo en Francia a nivel documental”, lembra Varela.

O documentalista militante

Cartaz da Festa Popular da Montaña do ano 1977 en Loño. / Cedida

Carlos Asorey volveu para Galicia no ano 1981 pero non foi capaz de facer nada no mundo do cine “por múltiples razóns”. No ano 1985 entra como cámara na Televisión de Galicia ata que faleceu vítima dunha longa enfermidade. O profesor Varela pensa que “seguramente o feito de vivir fóra non lle levou a que se relacionara aquí con moita xente que facía cine”. Cómpre subliñar que en París entrou en contacto moi pronto coa Asociación Cultural O Toxo moi vencellada ao Partido Comunista de Galicia e ao traballo que facía no exilio. “É un cine moi militante”, asegura o mestre agoladés ao respecto. A importancia de Carlos Asorey é que o autor das únicas gravacións que temos da emigración galega en Europa nos anos 70. “El filma non só o que fan os galegos cando se reúnen o fin de semana para comer o polbo no Centro Galego. Grava como viven dentro das porterías, como son os seus apartamentos e como traballan. Incluso grava reunións políticas do Partido Comunista de Galicia en París. Esas gravacións de tipo máis social ou máis histórico teñen bastante máis valor co propio valor cinematográfico”, pensa Varela.

A Filmoteca de Galicia dixitalizou unhas sete horas de gravacións rescatadas

O departamento de cine onde se formou Carlos Asorey en París tiña como lema algo que define o seu cine e o de outros galegos que pasaron por alí: “O cine ten que servir para darlle voz a quen non a ten”. E iso foi o que tentou facer este veciño de Loño coa súa cámara. “Era un cine moi militante, moi comprometido con determinadas causas sociais e moi comprometido cos emigrantes galegos”, remata o investigador dezao Xaime Varela.

Festa Popular da Montaña en Portodemouros

Unha das mediametraxes de Asorey que está montada titúlase Festa Popular da Montaña, “que foi un acto reivindicativo que houbo en Loño no ano 77 tras un suceso lutuoso”, lembra Xaime Varela sobre a morte de cinco mozos de Loño afogados no encoro de Portodemouros. Houbo unha manifestación festivo-reivindicativa reclamándolle a Fenosa a ponte que prometera, que uniría Loño con Beigondo e que nunca se construíu. “Este acto el grávao e como curta preséntao nas sextas xornadas do Cine das Rexións e das Nacionalidades de Ourense. El adícalla aos falecidos, que eran os seus amigos, pero só podemos ver con claridade os dous ou tres primeiros minutos dos máis de vinte que dura”, explica. O resto é de visión difícil. Escoitamos algún son pero a imaxe está como fóra de campo. “Non sabemos se é que está deteriorada ou co fixo a propósito ou se foi por unha deficiencia da cámara. Vemos ao mago Antón actuando e escoitamos como peche do acto que cantan o “Venceremos nós” e o Himno Galego.”,indica Xaime Varela.

Suscríbete para seguir leyendo