Para ditaduras coma a franquista, matar non é suficiente. No Boletín Oficial da Provincia da Coruña de outubro de 1939 a Comisión Depuradora do Maxisterio require ao mestre Rafael Fernández Casas que indique o seu enderezo para ser citado para declarar baixo as acusacións de ser anarquista, pertencer á Asociación de Traballadores do Ensino, intervir en propaganda a favor da Fronte Popular e a gastos das súas eleccións. Dificilmente podería acudir a declarar cando había tres anos que estaba morto, que o foran buscar á súa casa en Carnoedo (Sada) e o fusilaran nunha estrada na zona de Trasanquelos (Oza-Cesuras). “Aínda despois de asasinado, Fernández Casas era sometido ao proceso de depuración do profesorado levado a cabo polos sublevados” , explican no traballo que aparece no último numero de Cadernos de Estudos Locais da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, presentado o pasado sábado na Casa do Pobo de Carnoedo en Sada.

O exalcalde Abel López Soto e o historiador Manuel Pérez Lorenzo son os autores deste traballo que recolle a vida e a obra de Rafael Fernández, que tivo o seu primeiro destino como mestre en Souto(Carnoedo), onde viviu nunha casa onde tamén dou escola entre 1934 e 1936, ata que viñeron a levalo para pasealo. “Era unha persoa respectada e querida polos seus alumnos. Non se pode matar a unha persoa porque non queira adoutrinar nunha relixión, sexa cal sexa”, sinalou Abel López (profesor de profesión).

Manuel Pérez resumiu ante os asistentes ao acto a traxectoria de Fernández Casas, subliñando como este fillo de galegos emigrados nacido en Bos Aires en 1901 logrou saír dunha gran pobreza (a súa nai tivo que levalo a el e a seus irmáns a unha casa de beneficencia) e grazas á súa curiosidade intelectual conseguiu estudar, formarse e converterse el tamén en formador, en mestre, cunha maneira nova de ensinar, menos ríxida. Pero tamén foi escritor e activista cultural.

“É unha persoa con conciencia social, cunha gran capacidade para saír adiante, moi preocupado por alfabetizar, que quixo construír cidadáns libres que pensasen por si mesmos, cunha maneira de ensinar innovadora, experimentando nas aulas, facendo saídas cos alumnos, decidindo empregar o galego nas aulas, o que lle trouxo consecuencias. Na República atopou o marco no que desenvolver a súa forma de ensino, conseguiu a praza de mestre nacional con destino definitivo en Carnoedo, e aquí atopou un ambiente moi receptivo, coñeceu a Suárez Picallo, implicase no tecido social, funda xunto a outros o Ateneo de Cultura Política e Social, organiza charlas. Ata que o matan. Pero non é só o asasinato dunha persoa, senón dun proxecto, do que puido ter sido”, sinalou Manuel Pérez.

Rafael Fernández, nunha imaxe da publicación | // I. R.

Este historiador aproveitou a presenza do alcalde de Sada para pedirlle que se lle puxese algún sinal indicativo preto da antiga casa e escola de Souto na que estivo Rafael Fernández (hoxe unha casa particular), para que se lembre o sucedido, a memoria.

A presentación da publicación foi tamén unha homenaxe a Rafael Fernández, e por iso se convidou ao seu fillo, chamado tamén Rafael aínda que todos o coñecen como Orientado, o nome que lle quería poñer seu pai (tamén era o alcume do avó) pero que rexeitou o cura. Orientado, de 86 anos, emocionouse pola homenaxe.

Antiga escola e casa en Souto onde Rafael Hernández deu clase entre 1934 e 1936, e onde o detiveron. | // CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS

“Estou moi agradecido por este acto e por estar aquí. Non esperaba isto, xa pasou moito tempo. Meu pai era un chaval cando o mataron, 35 anos, tanto tempo por vivir...”, sinalou Orientado, acompañado da súa muller Sira, que recibiron agasallos da asociación veciñal e do Concello.

“Este acto de recuperación da memoria, nun lugar que foi escola, fai a Sada máis grande. O bisneto de Suárez Ferrín aínda me dixo esta semana: só mataban á xente boa”, dixo na súa intervención o alcalde, Benito Portela.

“Rafael Fernández dou unha conferencia comparando os países con educación avanzada e os que non e o seu progreso social, e sempre era maior o progreso onde había máis educación. A incultura é o caldo de cultivo para os que queren dominar unha sociedade”, subliñou Abel López.

“O neno non é un vaso que teña que encherse”

Rafael Fernández tivo o seu primeiro destino profesional nunha escola de Palas de Rei. Despois contrátarono en escolas de indianos en Ortigueira, onde xa rachou coa pedagoxía dominante, facía saídas ao campo co alumnado, traballos de experimentación agrícola... Coñeceu a Melisendra, a súa muller, coa que terá dous fillos. Cando o matan, un deles, Orientado, nacera había poucos meses. O outro morrería con 16 anos. Rafael traballou logo de mestre en Oroso e publicou a súa primeira novela, Loita, con portada de Díaz Baliño. Meses despois publicou outro traballo literario por entregas, Lembranzas de neno, ademais de colaborar en xornais. Foi nomeado mestre en San Sadurniño e despois en A Coruña (A Gaiteira e San Roque de Afora). “A escola debe ser nun porvir cercano: pacifista, humana, social, espontánea, cooperativista e por riba de todo, activa, é dicir, unha escola na que o neno non sexa un vaso que teña que encherse, senón que se lle considere un manacial do que manan as augas que inundarán a individualidade de espontaneidade”, dicía Fernández nunha carta ás autoridades educativas en 1928, recollida por Abel López e Manuel Pérez.