La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O Ría do Burgo, sobresaínte en radio

Alumnos do todos os cursos traballan competencias lingüísticas en dous estudos no centro

Escolares realizan un programa en Radio Ría do Burgo. La Opinión

“Benvidos a todas e todos. Despois do éxito do noso primeiro programa, convídote a unha nova entrega de Lingüeteiros”, saúda David dende Radio Ría do Burgo, o proxecto radiofónico do colexio cullerdense, nun dos últimos programas realizados e publicados no blogue do centro, que presenta xunto á súa compañeira Vera. Escolares de todas as idades do Ría do Burgo pasan por diante dos micros para traballar e coller soltura en competencias lingüísticas ou oralidade, explica o director do colexio, Vicente Muñoz, promotor da iniciativa, que xa levaba no seu proxecto de dirección para o centro. A Radio Ría do Burgo sairá das fronteiras escolares para amosar a súa actividade nunha carpa da I Cullerciencia, a feira de divulgación científica ideada polos estudantes do Ría do Burgo e organizada polo centro con colaboración do Concello, que se celebrará o 18 de xuño na explanada da ría do Burgo.

O director Ría do Burgo, no estudo radiofónico exterior. La Opinión

O centro conta cun pequeno estudo radiofónico na biblioteca, no que se realizan gravacións concretas, e outro situado na “casita, a construción que no seu día fora residencia do reitor da Universidade Laboral e que se anexionou o Ría do Burgo, onde se desenvolve a meirande parte da actividade radiofónica do colexio. O proxecto comezou no curso 2018-2019 “cun ordenador e un micro”, lembra o seu impulsor.

Os estudos montáronse con axuda da Fundación Paideia e a través do programa A Radio na Biblio, da Xunta. E, sobre todo, sinala o director, grazas á colaboración de pais de alumnos que coñecen o medio, entre os que destaca Roberto Garea, un dos fundadores da radio comunitaria da Coruña Cuac FM. Dende poñer o chan ata instalar os micros e cables e a tela verde que funciona como croma para imaxes... Todos os traballos foron realizados polo director e profesores do centro, agás a instalación do cristal que separa o control da sala de locución.

“Collen desenvoltura, sóltanse... Como facer teatro, todo o mundo debería pasar pola radio. Todo o que sexa traballar a oralidade dá un mellor nivel de competencias lingüísticas”, defende o director. E celebra a habilidade e frescura con que presentaron “en directo, sen edición posterior”, nenos de primeiro e segundo curso de Primaria, que “fixeron un programa de 15 minutos” no que intercalaban as súas intervencións con cortes e música.

A aposta de Muñoz polos proxectos de comunicación como ferramenta para potenciar as habilidades dos rapaces dará un paso máis o próximo curso. Muñoz planea crear un “proxecto audiovisual” e constituír case que un grupo editorial, con prensa e medios audiovisuais, explica. “Vouno expor como unha idea de emprendemento e lanzaremos unha especie de oferta de emprego público (OPE) no colexio na que se precise que postos se necesita cubrir para que se poidan presentar os alumnos voluntarios”, avanza. Quere deixar a iniciativa encarrilada antes de deixar a dirección do centro, despois de oito anos á fronte, para o cal confía de novo na colaboración. “Isto pódese facer porque colaboran pais como Garea. E diso se trata unha escola: de comunidade”.

Compartir el artículo

stats