“Mudar o relato hexemónico”, “construír un novo imaxinario colectivo” ou “iniciar un camiño de normalización da nosa historia” son algúns dos obxectivos das vinte propostas seleccionadas no Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia. A iniciativa, da área de Cultura da Deputación, inaugura unha nova liña de traballo centrada en reivindicar a historia medieval galega e que continuará en setembro co primeiro congreso sobre o Reino Medieval de Galicia, no Museo do Pobo Galego.

“Esta nova liña de traballo está baseada en poñer en valor a historia que nos é propia” lembrou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e cualificou o período medieval como “un dos períodos de máis esplendor e dos máis identitarios como pobo”, polo que se pretende dalo a coñecer cunha perspectiva propia galega e “superar a visión de como nolo contaron desde fóra”. A iniciativa terá continuidade o próximo ano cunha segunda convocatoria tras o éxito de participación, con 127 solicitudes. As propostas foron avaliadas por unha comisión composta por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo.

A cooperativa O Cable Inglés levará adiante Crónicas dunha desmemoria: un proxecto de divulgación en formato audiovisual e de difusión dixital, onde a bookstagrammer Irene Pérez (@surfeandolibros) protagonizará unha colección de 12 pílulas de vídeo. Forega_web de Fortalezas do Reino de Galicia, proxecto presentado por Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, consiste nunha web sobre os Castelos e fortalezas da provincia sinxela, intuitiva e interactiva. A faia de Ponthus. Le Roi de la Galice é a aposta de aCentral Folque-Noente Paradise, un proxecto literario e editorial para crear unha plaquette ou publicación de pequeno formato e realizar eventos literarios.

O proxecto de Sermos Galiza, titulado Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, prevé editar un coleccionable de 34 fascículos centrados na difusión dos reis e raíñas do Reino da Galiza, 34 podcast, un banco de datos dispoñible na edición dixital de Nós Diario e a elaboración e deseño de oito rotas culturais e turísticas. O Reino de Galicia. Coñecer o pasado para construír o futuro é a proposta de Orgullo Galego, que creará contido en internet e redes sociais, dende conversas en Twitch ata pezas audiovisuais en Youtube e Tik Tok. Orestes Comunica pretende atallar a inexistencia dun espazo aberto onde consultar material divulgativo e interactivo sobre os investigadores do Reino de Galicia dende o século XVII ata hoxe.

Jorge Juan Costas Mira realizará o teaser dunha futura serie de animación; Ciencia Galega Industrias Creativas abordará un proxecto multimedia de divulgación da historia do Antigo Reino de Galicia; Cartafol de ilustracións Reino de Galiza é a proposta de Maos Innovación Social; Falemos do Reino de Galicia, con seis vídeos de seis minutos para abordar seis preguntas, é a idea de Suseia. Terra das raíñas, o proxecto de Gabriel Penabade-Os Quinquilláns, é un espectáculo cómico de divulgación histórica; Urraca. A pioneira do feminismo será un transmedia de Aser Álvarez González–Arraianos Producións. Sirgo Torcento desenvolverá un proxecto de creación literaria, lectura escénica dramatizada e música antiga con instrumentos orixinais. Don García. O Reiciño de Galicia é a proposta de Manuel Pena Villar, que rescata un texto de Víctor Hugo. A webserie A Historia do Reino Medieval de Galicia explicada por Teodoro e Atanasio será a aportación de Culturactiva.. O documental O vestixio do Reino de Galicia na Catedral de Santiago de Compostela é a iniciativa de Martela Films. Soldadeiras será a revisión das cantigas medievais de Carolina Rubirosa. Mazarelos revisará a cartografía en Reino no mapa. Papagaio. Viaxe a Galicia medieval, edición especial dun xornal infantil e xuvenil, é o proxecto de Abraham Carreiro. Alberto Sánchez recuperará as fontes tipográficas da Galicia medieval en A letra do Reino.