La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Benito Portela Alcalde de Sada (Sadamaioría)

“Aquí perdemos todos, e non estou a falar só dos partidos, Sada sae moi prexudicada”

O alcalde sométese mañá a unha moción de censura que tacha de “golpe á democracia”: Creo que a xente se sente claramente agredida e vai a ir ao pleno" | “Exerceremos as accións legais oportunas de darse o caso de incumprimentos”, advirte

Benito Portela, onte no seu despacho. | // CASTELEIRO / ROLLER AGENCIA

Benito Portela apura as últimas horas na Alcaldía e atende sereno a este medio nunha pausa entre reunións para intentar sacar adiante algúns asuntos pendentes. Non ten a menor esperanza de que fracase a moción de censura dos edís do PP, PSOE e os seus xa exsocios de Alternativa dos Veciños. “A cidadanía de Sada é moi intelixente e vai saber valorar en maio o que fixemos uns e o que fixeron outros”, afirma.

Comezou xa a recoller o despacho ou agarda que a moción non prospere?

Eu creo que unha vez que perpetran este golpe á democracia van chegar ata o final, pero non teño moito que recoller, os expedientes están todos dixiltalizados.

Alternativa xa botou aos seus edís, o PSOE acaba de aprobar a súa expulsión provisional e o PP abriu expediente pero aínda non deu ningún paso máis. Preocúpalle que cheguen ao pleno sen a declaración oficial de tránsfugas?

O transfuguismo é un golpe á democracia pero tamén aos partidos como parte fundamental da vida democrática, expulsar o transfuguismo con celeridade e contundencia sinceramente é o que procede.

Sada sempre tivo unha vida política convulsa, pero unha moción de censura a só seis meses das eleccións é algo inédito, dubido que haxa moitos casos en Galicia. A que cre que obedece?

A unha estratexia torticera de non someterse á vontade da cidadanía e chegar ao poder por un atallo claramente antidemocrático.

Eles falan de bloqueo, do incumprimento de acordos plenarios.

Iso non é certo. Eran coñecedores, sobre todo os que estaban no goberno, do estado da tramitación dos expedientes e das dificultades dalgúns. Algúns deles xa están en vías de resolución. Sen ir máis lonxe,o da asistencia letrada, despois de sucesivas modificacións para adaptalo aos informes xurídicos, só está pendente da fiscalización para proceder á licitación.

No caso do simulacro da obra do río Maior, o pleno aprobou en febreiro facelo sen agardar ao proxecto...

Non, despois do proxecto. É máis, facer un simulacro sen saber exactamente por onde transcorre pode ser contraproducente. Unha vez entregado o proxecto, haberá que proceder co simulacro coas garantías suficientes. Por outra banda, hai un informe de tráfico que xa avala as opcións previstas que non valoran. Sinceramente, creo que había unha vontade intencionada de atrasar a realización do proxecto e a obra.

Acúsano tamén de non abrir expediente de penalidades polas deficiencias da pista de patinaxe ou da Avenida Sada e Contornos...

No caso da pista de patinaxe emitíronse dous informes técnicos para ver como se resolve. Eu entendo que o procedemento non era ir a un expediente de penalidades, dado que seguiriamos co contrato en vigor, senón que o procedente sería a resolución do contrato para licitar outra obra. Por certo leva retido o crédito desde o 14 de xullo por orde expresa desta Alcaldía.

A falta de sintonía entre Sadamaioría e Alternativa, especialmente coa súa voceira, foi patente case desde o inicio do mandato e foi a máis con desmarques plenarios e acusacións de irregularidades. Por que os mantivo no goberno?

O facer de Sadamaioría ao longo destes anos caracterizouse por poñer a Sada por diante de todo,só pensabamos en sacar adiante os asuntos e así o faremos onde nos toque estar o día 18. Faremos unha oposición dura pero construtiva, non como a que estaban a facer desde dentro ou desde fóra do goberno o resto de grupos.

Pero nunca se plantexou expulsar aos edís á vista de que na práctica xa non dispoñía de maioría absoluta para sacar adiante as propostas?

O noso obxectivo era manter unha estabilidade no goberno que fose boa para Sada e loitar por sacar os asuntos adiante, como algúns que nos acusan de bloquear e que levamos a pleno. É certo que houbo moitos problemas, pero eu convido á xente a ver os perfís de contratación dos distintos concellos e comprobarán que o de Sada é un dos que máis investimento ten por habitante. Pasar de 32 euros por habitante de investimento a 182 non é casualidade. Son datos do Ministerio de Facenda. En Sada pasamos de 52 euros en gasto social por habitante a 119. E iso é froito de moito traballo, de intentar satisfacer na maior medida as necesidades da xente.

Pensa que Sadamaioría sae reforzada con esta moción?

Aquí non sae reforzado ninguén. Sae moi prexudicada Sada, con independencia do que lle pase a Sadamaioría, a Alternativa, aos tránsfugas, ao PSOE ou ao BNG. Aquí perdemos todos e non estou a falar só dos partidos, perde toda Sada, toda a cidadanía de Sada.

Esta manobra lembra á moción de censura do 2004. A situación entón era moi distinta, o pacto frustraba o primeiro goberno de esquerdas da democracia en Sada, pero daquela houbo unha manifestación multitudinaria e agora a cidadanía non saíu a rúa. A que pensa que se debe?

Primeiro debido ao escepticismo que había con que prosperase esta moción de censura pola procedencia tan inverosímil e despois pola data en que se realiza, nos últimos seis meses do mandato. Esas son as diferenzas. Eu creo que se fai coa clara intención de chegar ao poder e de chegar gobernando ás eleccións de maio para ter algunha opción.

Sospeita entón que os impulsores presentarán unha candidatura nas próximas eleccións?

Todo indica que perpetraron este golpe para chegar con esas opcións e impedir que chegase este goberno pola cantidade de asuntos de relevancia nos que estamos traballando.

A moción de 2004 funcionou como un aglutinante para a esquerda, pero esta manobra parece que colleu por sorpresa ás agrupacións locais de Alternativa e PSOE. Teme que non logren recompoñerse a tempo para as eleccións de maio?

A min o único que me preocupa é que a cidadanía teña memoria en maio. E non dubido que a vai a ter.

Vai presentarse ás próximas eleccións?

É unha decisión colectiva que temos que tomar Sadamaioría coa participación da cidadanía. É evidente que esa decisión colectiva non pode tardar moito. Isto precipitou esa toma de decisións, que podería ser un pouco máis paulatina. A día de hoxe a decisión non está tomada pero tomarase non moi tarde.

Decisión colectiva ata certo punto. Se vostede non quere dar o paso non hai nada que facer.

Hai unha parte persoal, evidentemente, pero a decisión é colectiva. Eu non tomarei ningunha decisión en contra do sentir maioritario da asemblea e a cidadanía.

Terían que cambiar o código ético de Sadamaioría, que só permite dous mandatos. Non lle preocupa que a xente o vexa como unha traizón aos principios fundacionais?

Eso haberá que avalialo no seu momento.

Ve vías legais de recorrer xudicialmente esta operación?

As consecuencias legais da condición de non adscritos e dun futuro goberno de tránsfugas están moi claras, tanto na lei de bases de réxime local como na xurisprudencia e en reiterados informes e ditames. E iso sábeno, ou débeno saber, os que promoveron a moción de censura. Loxicamente, de darse o caso de incumprimento, exerceremos todas as accións legais oportunas, administrativas, e mesmo xudiciais, que procedan.

Hai temas de calado sobre a mesa. A Terraza, a causa dos bens de Meirás, a obra do río Maior. Teme que o novo goberno cambie a folla de ruta nalgún destes temas?

Sobre o personamento do Concello na causa dos bens do pazo de Meirás, sorprendentemente non se manifestaron a favor no último pleno. No caso da Terraza pedimos unha reunión a tres bandas para proceder á rehabilitación porque podemos chegar tarde se non tomamos medidas urxentes.

A obra do río Maior ten que volver a pleno. Teme que naufrague?

Si, preocúpame a non aposta firme polo proxecto que mantiveron todo este tempo, pero agardo polo ben de Sada se aprobe.

De que se sente máis orgulloso deste mandato?

De moitas cousas. Asinamos dous convenios fundamentais, o da depuradora de Sada e o do río Maior, dous dos maiores investimentos da historia de Sada. Tamén da participación fundamental do Concello na recuperación do pazo de Meirás. E despois das cifras que din antes. Conseguimos ademais rebaixar a lista de espera do SAF, fomos o primeiro concello da comarca en poñer en marcha en solitario o servizo de atención temperá... Hai infinidade de cousas. Fixemos un importante investimento en saneamento, aínda que queda moito por facer, e avanzamos na obtención parcelas para ampliar colexio e trasladar o centro de saúde: as xestións están ben encamiñadas e esperamos que nos próximos meses sexan unha realidade.

O pleno será finalmente na Casa da Cultura. Espera que vaia moita xente para darlles o seu apoio?

Eu creo que a xente sente claramente agredida e vulnerada e vai ir ao pleno. Eu fago un chamamento á tranquilidade. É verdade que os ánimos están máis tranquilos que no 2004, pero imos ser moita xente e penso que non procedía a celebración no salón de plenos, por aforo, accesibilidade e seguridade. É moito mellor facelo na Casa da Cultura.

Compartir el artículo

stats