Entrevista | Locutor histórico de Radio Oleiros, que vén de xubilarse

Xosé García: “Lembro cando retransmitín o do ‘Mar Egeo’ dende o faro de Mera cun móbil”

“No comezo tiñamos uns medios tan artesanais que a primeira emisora montouna unha empresa de aire acondicionado de Vigo”

Xosé García, no parque infantil da Casa do Pobo de Lorbé.   | // I.R.

Xosé García, no parque infantil da Casa do Pobo de Lorbé. | // I.R. / m. vILLAR

Durante máis de 35 anos Xosé García foi a voz principal que entraba polos oídos dos residentes en Oleiros, a voz que os informaba da actualidade do municipio a través do 101.5 da FM. O pasado decembro este veciño de Lorbé deixou o micrófono de Radio Oleiros, xubilouse do que para el foi unha paixón dende mozo, a comunicación polas ondas, e xa recibiu, na cea de Nadal do Concello, o famoso pote que acredita a fin dunha etapa da vida e o comezo doutra.

Antes de ser Radio Oleiros, era Radio As Mariñas.

O 25 de xullo de 1980, na media noite, o escritor Manolo Rivas fixo a primeira emisión dunha radio municipal en Galicia, e en galego. Só foron setenta minutos, ata que viñeron da Garda Civil precintala con dous técnicos de Radio Nacional. Case eran máis grandes os precintos que os equipos que tiña a radio entón, segundo me contaron despois os da Radio Nacional. Despois desa experiencia non volveu ata que na primeira lexislatura se considerou retomala, en 1986, e entrei eu cun funcionario, Fernando Ramos, que facía as labores de control. Despois estivo tamén Xosé Lois Romero, o músico. Emitíase tres horas ao día, de doce do mediodía a tres da tarde. Era unha radio artesá, traballabas cunha cinta magnetofónica, tiñas que cortar, empalmar. A primeira emisora de Radio Oleiros montouna unha empresa de Vigo que se dedicaba ao aire acondicionado, xa se ve que era artesanal, e despois xa se puxo unha máis profesional.

Con 35 anos na radio tivo que ver toda a evolución tecnolóxica.

Cando comezamos tiñas un magnetófono, unha emisora e unha casete. Empezabamos a programación coa Primavera de Vivaldi. Como o magnetófono daba para tres horas de duración, despois repetías o mesmo de tres a seis da tarde, e xa duraba máis a programación. Ás seis apagabas os equipos. E así ata a chegada da informática, que cambiou todo e posibilitou facer unha programación de 24 horas. Lembro cando retransmitiamos ao comezo e como había problemas de recepción na zona de Santa Cristina, eu dubidaba de que oísen e chamaba alí por teléfono a ver se a xente oía a radio. Fun un dos primeiros en ter un teléfono móbil, un MoviLine, e utilizábao coma unha unidade móbil. Co móbil e cun transmisor de UHF, por exemplo, transmitin o afundimento do Mar Egeo na Coruña en 1992, dende o faro de Mera. Cando foi o naufraxio do Casón tamén fora a Corcubión. E cando lle deron a medalla Castelao a Neira Vilas: o entón presidente Laxe, que lla entregou cando o escritor veu á inauguración do instituto, que lle puxeron o seu nome, Neira Vilas. Para nós esas transmisións, coa tecnoloxía que tiñamos, parecíanos unha heroicidade.

Como comezou a traballar na radio?

Eu era medio friki da radio, coma outro compañeiro, Emilio Siso. Queríamos montar a primeira radio libre de Mera, chegamos a construíla pero non funcionou. Eu comecei a facer colaboracións en Radio Nacional, coa asociación Biotopo. Empecei case de casualidade, como entretemento, e xa ves, 35 anos. O día que me xubilei, por certo, chegoume un correo electrónico dun veciño de Culleredo que ten un blog e tiña gardadas gravacións antigas da emisora nas que só se dicía Radio Oleiros en probas porque era dos comezos. Como tiñamos poucos medios, reutilizábamos as cintas e borráronse cousas históricas, pero seguro que hai xente que ten emisións gardadas. Teríase que dixitalizar todo ese traballo feito para non perdelo.

Cando en decembro pasado se xubilou, o último día diante do micrófono, despediuse dos oíntes?

O último que dixen foi 'Marcho, que teño que marchar'. Ao principio pensei en facer un programa especial pero despois pensei que ía parecer un auto homenaxe e non fixen nada diferente a outros programas. Só dixen iso e improvisei un agradecemento aos oíntes, compañeiros, entrevistados...

Uns 35 anos de traballo dan para contar moito, momentos bos e malos, momentos históricos.

Lembro o afundimento do Gocamar na entrada da ría en 1999.Houbo un movemento solidario, os patróns dos outros barcos de Lorbé xuntáronse, e tamén os dos mexillóns de Proínsa que puxeron dous barcos e un buzo, para reflotar o barco, porque custaba moitos cartos. Eu retransmitín dende un dos barcos que o reflotaron co teléfono móbil. E tamén, como non, o afundimento do Meloxeira en 2002, cando morreron catro rapaces de Lorbé. Iso foi o peor. As nais no porto... Nunca apareceron os corpos. Lembro tamén a entrevista a Gallego Fernández, figura histórica da Revolución cubana. Eu fun correspondente de Radio Habana, facía unha crónica semanal. Cando visitou Oleiros pedíronme se sería posible unha conexión en directo. Tecnicamente era complicado. Emilio Siso fixo unha antena porque non había boa recepción en onda corta. Eu escoitaba o sinal de Radio Habana a través da radio gracias á antena de Siso e enviavamoslles o noso sinal a eles vía telefónica, e curiosamente funcionou. Gallego Fernández era unha persoa moi amable e natural.

Os partidos da oposición levan anos reclamando participación na radio municipal porque só fala o alcalde.

Iso é unha lenda. A radio é un instrumento máis de disputa política. Hai anos os partidos participaban, chamabámolos, íamos ás súas rodas de prensa. Na etapa de Luís Vázquez todo mudou. Non che contestaba, non che mandaba notas, quería un espazo só para eles. Un día nunha presentación díxonos que non facíamos nada alí. Existe un consello de redacción, pódese reclamar a súa convocatoria. Teño que dicir que o alcalde xamais me dixo a quen tiña que levar á radio ou a quen non. Sime ten criticado por algún que levei, pero nunca houbo presións, aínda que si algunhas discusións e discrepancias.

E agora de xubilado, que fai?

Non me aburro nada. Teño un invernadoiro, un barquiño no porto para ir ás luras, vou ser avó... Fáltame tempo.

Segue oíndo Radio Oleiros?

Si. Subo ao coche e xa a sintonizo.

Como ve o futuro da radio? Hai tantos medios, as redes sociais...

Hoxe hai moitos, si, pero a radio segue sendo un medio con credibilidade. Penso que hai moita menos liberdade de expresión hoxe en día nos medios de comunicación en xeral que cando eu empecei.

Quen está agora na radio?

Está Paris Joel só. A idea creo que é cubrir a praza, pero había que esperar a que me xubilara para sacala.

Suscríbete para seguir leyendo