Entrevista | Historiador de Betanzos e autor de ‘Mulleres espontaneadas’

Ángel Arcay: “As espontaneadas ían á autoridade a confesar que estaban embarazadas”

“Non é tanto libertinaxe, senón unha figura de control” | “Sempre nos centramos na historia das elites e non das clases baixas”

230218LCO Sin autor  (165867936)

230218LCO Sin autor (165867936) / Casteleiro/Roller Agencia

O historiador de Betanzos Ángel Arcay acaba de publicar o libro Mulleres espontaneadas, no que analiza esta chamativa figura legal de Galicia nos séculos XVIII e XIX. Trátase dun proceso mediante o cal unha muller solteira ou viúva, se se quedaba embarazada fóra do matrimonio, podía dirixirse ás autoridades para “espontanearse”, é dicir, obter unha especie de salvoconducto.

Para quen non o coñeza, defina, por favor, que son as mulleres espontaneadas.

Son mulleres que se presentaban diante da autoridade nos séculos XVIII e XIX para confesar que estaban embarazadas sen estar casadas, é dicir, eran mulleres solteiras ou viúvas que se quedaban embarazadas fóra do matrimonio e digamos que por lograr unha especie de salvoconducto ou permiso para poder vivir sen que as molestasen, pois tiñan que declarar o seu embarazo. É unha figura coñecida por ese nome que só se dá en Galicia, que é algo bastante curioso.

Sábese como xurdiu este fenómeno?

Non, porque os investigadores que traballamos arredor disto non dimos atopado a propia norma. Nós temos unha referencia, que fai un xurista de época, de 1700 e pico, que fala con sorpresa do que son mulleres espontáneas. E di que se dá sobre todo en Galicia e que lle chama a atención aos xuristas que veñen de fóra porque é unha figura que noutros sitios non existe. En base a esas referencias é o único que temos para contextualizar todo isto. De feito, aparecen así nos textos notariais como espontáneas. É un nome curioso para un proceso xurídico en si.

Como se lle ocorreu investigar este tema?

Eu cheguei de casualidade. Sonábame isto das espontáneas porque había unhas en San Xoán de Río que xa eran coñecidas, que eran 30 mulleres que se espontanearan alí. Eu traballando no arquivo notarial da Coruña, de casualidade, apareceron un par delas e seguín tirando do fío.

Por que é tan pouco coñecido este fenómeno?

Porque sempre nos centramos na historia das elites e na historia política. Seguro que estudiaches historia no colexio e no instituto, estudiaches os diferentes reis que houbo en España e os seus gobernos, pero non estudiaches nada da historia das clases máis baixas e da historia da muller. E isto foi algo que nunca tivo interese.

Cando se empezou a investigar este tema?

As primerias publicacións que hai en Galicia son dos últimos dez anos.

Este proceso era un salvoconducto para esas mulleres, pero tamén era unha forma de control que podían levar a cabo as autoridades porque tiñan un censo?

Esa é a trampa. Moitas veces a xente fala que isto é case como unha revolución sexual... O documento da espontaneada é o testemuño da muller. Non é habitual encontrar documentos nos que unha muller conte a súa experiencia. Ademais elas teñen que nomear a un fiador, aí está a clave. Non é tanto libertinaxe, senón unha figura de control. O fiador era un veciño, familiar, que se tiña que encargar de que ese neno ía nacer e que ía ser bautizado e que a muller non ía armar escándolo público, non ía molestar ao home que a deixara embarazada.

Suscríbete para seguir leyendo