Carral ten moito teatro

O concello conta con tres compañías amadoras, unha delas creada este ano

Á esquerda, actrices de Teatro Arroutada. Á dereita, intérpretes de Charamusca Teatro, nunha función, e Veiras, de pé no centro.   | // L. O.

Á esquerda, actrices de Teatro Arroutada. Á dereita, intérpretes de Charamusca Teatro, nunha función, e Veiras, de pé no centro. | // L. O. / Sara Vázquez

Hai catorce anos, da Escola de Artes de Ardebullo que montaran Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro xurdiu a compañía de teatro amador máis veterana de Carral, Charamusca Teatro. Conta con intérpretes profesionais como Patricia Castrillón ou o propio director, Xosé Leis, asegura outro integrante do grupo e do gremio, Xabier Veiras, e explica que manteñen esta formación “por amor á arte”. No outro extremo está a máis nova das compañías afeccionadas carralesas, Teatro Arroutada, “rexistrada na Xunta desde abril ou marzo” e xurdida das clases de teatro musical que imparte na Coruña a artista Bea García, explica unha das integrantes, Inés Barbeito, horas antes de subir ás táboas da Casa da Cultura de Carral xunto á súa compañeira Zoraida Gestal para interpretar Os cabaleiros prefírenas brutas, dentro do ciclo Teatro de Outono de Carral, no que actuaron tamén as outras dúas agrupacións amadoras do concello.

Integrantes de O Rueiro, durante unha representación, con Jesús Sánchez no sofá á esquerda.  | // L .O.

Integrantes de O Rueiro, durante unha representación, con Jesús Sánchez no sofá á esquerda. | // L .O. / Sara Vázquez

A do medio en idade é A Tropa do Rueiro de Tabeaio, fundada en 2011, cando Jesús Sánchez, a quen nunca lle gustara o teatro, quedou “marabillado” despois de ver unha obra coa que se topou por casualidade, un venres camiño á casa. “A min nunca o teatro me gustou nin o circo. Pero un día viña de Herves e pasei por Tabeaio para a casa e estaba o concelleiro de Cultura de Carral, Fran, [Francisco Javier Bello] que dirixía un grupo que era da parte de Culleredo e veu a Tabeaio con el. E pasei e vin alí tantos coches e dixen: Que hai? E metinme alí e xa saín marabillado de ver esa xente maior. Entroume o birujillo... a min e uns cantos máis”; lembra o maior da agrupación, que vai camiño dos 80 anos. Hoxe son dez integrantes, seis dos que comezaron, despois de que algúns dos máis novos marcharan estudar fóra. Hoxe, marcan o extremo de idade por baixo un compañeiro de “45 ou así e outro duns 50”, conta Sánchez.

Carral ten moito teatro

Carral ten moito teatro / Sara Vázquez

Coinciden os tres grupos carraleses en recibir clases habitualmente. Charamusca Teatro co seu director, A Tropa do Rueiro comezou con Bello e despois tivo varias profesoras e Arroutada fórmase coa mesma profesora que lles despertou as gañas a través do teatro musical. A peza que montaron con García, na que son sete, repetírona despois nun par de ocasións, aínda que as montaxes complícanse cantas máis integrantes son, explica Barbeito, que onte actuou só cunha compañeira nunha obra que non é un musical, pero na que meteron dúas cancións, conta. As dúas compañías veteranas coinciden tamén en tomarse épocas de descanso e en que, despois, sempre volven.

O Concello destaca a súa aposta por “promocionar e visibilizar o traballo que fan as compañías de teatro amador” na súa programación.

Suscríbete para seguir leyendo