Seoane: “Hai uns comemerdas que rompen as cadeas do paseo da ría para entrar”

Oleiros asegurará o noiro das Galeras tras un novo desprendemento, sen esperar o permiso de Costas

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, lembrou onte na emisora municipal que o paseo da ría do Burgo segue a estar pechado na súa conexión desde O Paraíso ata Cambre debido á falta de entendemento co responsable de Costas do Estado. O Concello segue sen recibir a obra que o Goberno central da por acabada, polo que o paseo está cortado ao final ao ter posto unhas cadeas e un valado metálico, pois é un risco camiñar por unha obra sen recibir oficialmente. Sen embargo, o rexedor recoñeceu que xa van varias veces que apareceron as cadeas rachadas.

“Uns comemerdas rompen as cadeas e sacan as cancelas, hoxe mesmo [por onte] volveron facelo cunha cizalla. É un perigo real porque unha persoa maior pode caer nesa rampla. Estamos a punto de coller a estes individuos. Aínda que se vexan as obras rematadas, non se pode pasar”, insistiu Seoane.

Os desacordos con Costas tamén se manteñen respecto ao noiro das Galeras. O alcalde afirmou que volveu caer outro anaco de terra con dous grandes piñeiros polo desnivel no paseo e xa non vai esperar máis polo permiso de Costas para acometer obras de afianzamento e seguridade. Explicou que os concellos, en casos de forza maior con perigo para a poboación, poden actuar sen esperar autorizacións, e vai ser o que vai facer. “Vou abordar a obra sen máis”, afirmou. O primeiro desprendemento, despois de fortes choivas, foi o pasado mes de decembro e dende entón o paseo non ten continuidade desde Santa Cruz ata As Galeras.