A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés é un centro bibliográfico e documental que dispón de todos os servizos necesarios para dar resposta á demanda cultural e de formación que actualmente require a sociedade. Instalada dende 1995 nun edificio de nova planta levantado nun barrio de expansión da cidade, consta de tres andares e ocupa unha superficie de 6.216 m2, dos que son útiles 5.869 m2. As noticias máis antigas que se conservan da Biblioteca datan de 1895 (Libro de Rexistro da Propiedade Intelectual). Instalada no Instituto de Segunda Enseñanza Eusebio da Guarda, pasou despois a formar parte da Casa da Cultura da Coruña, creada en outubro de 1956. En 1989, o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia asinan un convenio polo que se transfire a súa xestión á Xunta de Galicia mentres que o Estado segue conservando a titularidade. O 23 de setembro de 1994 modifícase o convenio no que se refire á ubicación da Biblioteca, que pasa dende ese momento ao edificio actual, inaugurado en 1995, e a denominarse Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés (DOG nº 74, 18 de abril de 1995), en memoria do poeta e historiador que foi director da mesma dende os años 40 aos 80 do pasado século.