La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A TVG proxecta ‘Reliquias’, unha visión galega sobre a Idade Media

Amosa o triunfo “do integrismo relixioso sobre ordes humanistas”

Fotograma da película ‘Reliquias’. | // TVG

A produción audiovisual galega sobre a Idade Media aínda resulta escasa. E entre esas poucas pezas destaca Reliquias. A película emitirase este venres no programa Clac da TVG: trátase dun traballo rodado en 2009 con estrea en 2010 por Bren Entertainment (filial galega de Filmax) para a Televisión de Galicia, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A dirección correu a cargo de Toño López para narrar as intrigas dun convento dúplice no século XII, dirixido pola abadesa Eva (interpretada por María Bouzas). Outros actores son Manuel Regueiro ou Alfonso Agra.

O mosteiro de Carboeiro serve de escenario para contar “o proceso polo que o integrismo relixioso triunfou sobre ordes que se rexían por principios humanistas”. Ambientada no século XII, rodouse seis anos antes que a serie O final do Camiño. Reliquias relata os últimos días dun mosteiro dúplice, onde convivían relixiosos homes e mulleres. A partir da intriga provocada polo asasinato dun enviado papal para impoñer a regra de san Bieito, exponse a harmonía entre homes e mulleres e mesmo entre mouros e cristiáns.

A historia complétase cun bispo que acaba de roubar unhas reliquias e o seu escudeiro, que se verán na tesitura de investigar os misteriosos crimes acaecidos no mosteiro.

No estudio de Clac estará hoxe o produtor executivo da película, Pepe Coira, que explicará como xurdiu a idea de facer unha película inspirada en Galicia na Idade Media e como o mosteiro de Carboeiro se converteu no mellor escenario para a rodaxe. Tania F. Lombao tamén conversará co director, Toño López, que sinalará a fortaleza do elenco do filme, con María Bouzas e Alfonso Agra á fronte, en papeis inéditos.

Compartir el artículo

stats