O ser humano é un ente complexo, e o porqué das nosas diferentes formas de estar no mundo non é fácil de descifrar. Ningunha mente humana é enteiramente igual a outra. As persoas que desenvolven altas capacidades son diferentes, pero non distintas. Pais e nais de nenos e nenas con altas capacidades traballan xuntos na Asociación de Altas Capacidades de Galicia.

O episodio de hoxe do programa A porta aberta (TVG2, 21 horas) cóntanos a historia e actualidade deste colectivo. Interveñen Javier Ares, presidente da asociación; Belén Baamonde, vicepresidenta; Teresa Sánchez, profesora de Psicoloxía e directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC; e Miriam Fernández, psicóloga e directora do equipo técnico da entidade.

Desde a psicoloxía estúdase a realidade das persoas con altas capacidades para aportar respostas ás súas inquedanzas, e desde o nacemento da asociación en 1995 ata hoxe, as respostas son cada vez máis satisfactorias grazas aos coñecementos dos especialistas e as familias.

O esforzo entre os profesionais e as familias dos nenos e nenas con altas capacidades permite mellorar a realidade destas persoas, e tamén ao resto da sociedade comprendelas. A complexidade da mente é en realidade unha vantaxe para o progreso da sociedade, pero precísase saber facer útil esta complexidade. Nisto trabállase entre as persoas que fan parte da asociación.

Xubilados ao ritmo do mar

Ás 18.00 horas emítese na TVG2 Grazas á vida, outro programa de Producións Celta que neste caso achégase á historia de persoas que xa pasaron a idade de xubilación. Os protagonistas de hoxe son Palmira Acuña, cocineira e pulpeira dun restaurante na illa de Ons, onde ela naceu; e o cangués Manolo Martínez, home de mar dende neno e músico, que mesmo compuxo o himno do Rápido Bahía. Grazas á vida está dirixido por X.H. Rivadulla Corcón e presentado por Noa García.