A Radio Galega desprázase hoxe ata o Carballo Interplay, desde onde se realizará o Diario Cultural Zeta. A décima edición do evento de webseries celébrase este ano desde onte ata este sábado e a emisora pública dedicaralle un programa especial, conducido por Lucía Junquera, Silvia López e Marta Coira, en que recollerá as impresións dos protagonistas.

A edición Zeta do Diario Cultural emítese cada fin de semana na Radio Galega, como unha versión do emblemático programa destinada á mocidade e conducida tamén polos xornalistas máis novos da emisora. Nesta entrega, que os oíntes da canle pública poderán escoitar o sábado ás 14.30 horas, o espazo contará coa directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, para falar da organización, da programación e dos segredos desta edición, en que o primeiro festival español de webseries fai unha década.

Ademais, o colaborador e crítico de cine Jesús Silva conversará coas creadoras dos proxectos finalistas para o Pitching de webseries, un espazo en que terán que defender as súas propostas durante dez minutos ante o xurando, para facerse co premio do festival. En concreto, estarán no programa da emisora autonómica Andrea Varela, que compite con Camping Gas: Os notas; Iris Justo, que participa con Delirio Sketchs; Eire Cid, que asina con Rosalía Quiroga y Cora La chica que abortó y lo contó, e Sara Diéguez, guionista de Comenzar de cero.

Música carballesa

Diario Cultural Zeta tamén incluirá unha entrevista con Xiana Rei e Carla Mojón, creadoras con Luiza Velizarova, de Mentres non chova, webserie gañadora na pasada edición do Carballo Interplay, incluída na programación deste ano.

Pola súa banda, o colaborador e experto en música Álex Gándara estará acompañado na súa sección do programa por dous músicos carballeses Pablo Canedo e Jaime Regueiro, líder do grupo Tu futura ex mujer.