Cando as cousas se van facendo vellas e de non ilas atendendo, toda a súa estructura vaise debilitando, desartellando e desprendendo, como nos edificios antigos, como no mesmo ser humán, tamén na sociedade e na memoria. Todo ten a súa estructura, o seu soporte, tamén as ideas e a cultura, como resposta que é ós problemas do medio, da convivencia e dos avatares da Historia. O que resiste, o que queda, pode axudarnos a reconstruír xeitos de vida e do pasado.

Agasallamos a memoria para este tempo no que celebrarían o cumpleanos dun século moitos sabios que fixeron virar os rumbos das ciencias. Un deles pechou súa vida co circo dos cen anos cumpridos. Quere decirse que viviu con plenitude o século XX, un tempo inquedante, de buscas, e ismos, que abriu de cheo ó terceiro milenio. Referímonos ao antropólogo francés, pai da corrente estructuralista, Claude Lévi-Strauss, nada ten que ver co compositor alemán, nen co alemán-americano inventor dos pantalóns vaqueiros, a non ser a orixe xudea de ambos os dous, aquel un fito no estudo das chamadas Ciencias Humanas, na Antropoloxía que é o estudo das culturas. Anos nos que se recolle a sementeira dos mestres máis vellos, os herdeiros da Ilustración, como Saussure, que abría a novos eidos nos estudos linguísticos, Freud no psicoanálise, Carl Marx no análise dialéctico e materialista da Historia, Durkeim encol da identidade, a aculturación... Un novo xeito de estructurar as pescudas e os razonamentos dentro da ciencia. Uns e outros sedimentarán pouso na obra de Lévi Strauss. Dícia: "O sabio non é o que da respostas verdadeiras, é o que fai preguntas verdadeiras". Ansia desmedida por establecer patróns, reglas comúns nas que catalogar a conducta humana. E velaí que o entresixo das circustancias mediomabientais, sociais, económicas, históricas condicionan inmensamente o comportamento individual e social. Entendido así entramos na óptica da escola relativista.Outras tendencias buscan unha lóxica entre as culturas, é o Comparativismo, na procura de explicación ás diferencias... E nunhas e noutras pescudas, fúmonos estructurando, educando, naquelas aulas composteláns, na clase de Prehistoria, sen guión nen fronteiras, das leccións do profesor Alonso del Real. Abríusenos ó panorama das alternativas teóricas da antropoloxía, ás diferentes escolas de entender as culturas: o evolucionismo de Frazer e de Tylor, o "estructural-funcionalismo" de Malinowsky... e nesas velaí a trabe de ouro descuberta polo aragonés doutor por Oxford, o cadeirádego da Complutense, Carmelo Lisón Tolosana, autor da Antropología Cultural de Galicia (1971), especialista en estructura social e simbolismo, quen incirra o debate sobre etnicidade e nacionalismo. Os máis vellos sabios seguían no seu etnocentrismo, de illar, de enxergar as culturas dende dentro, tampouco como si se tratase dun zoolóxico, non se sometían máis que á ansia de documentar e aportar o que corría o risco de desaparecer. Hoxe recoñecemos o seu grande mérito pola súa constancia en recoller as pegadas. Seguía o debate sobre a evolución, os condicionantes, a redifinición de cultura e civilización. E non compría ir á Amozanonía, nen a Centro África ou a Australia: miremos ó redor, furemos pola etnografía das nosas aldeas galegas, por ese mundo rural fortemente sometido ós condicionantes políticos de cada momento, aberto á emigración e á crise de identidade cos conseguintes efectos. Galiza pese a non ter unha cátedra de Etnografía na súa Universidade deu sobranceiros estudosos: perdémonos na Ilustración con Feixoo e Sarmiento, logo no século XIX, Murguía, seguido de Castelao e toda esa xeira que abriu a sementeira do Seminario de Estudos Galegos: Castelao, Risco, Xaquín Lourenzo, Taboada Chivite, Ferro Couselo, Fernández Oxea, Antonio Fraguas, Luengo Martínez, Filgueira Valverde, Chamoso Lamas, Monteagudo... e toda esa grande nómina de investigadores portugueses, onde compre tamén mirarnos para atoparnos, os que asumen o compromiso de ser autores e actores da súa mesma Historia. A uns e ós outros tocóulles vivir aqueles anos de guerras europeas, civiles, insensibilidades, desenrrolismo... pero cunha fonda, sólida e integral formación, agudos e con axilidade para a narrativa, seducir e sensibilizar. Pese a todo, e como pasa sempre, foron diana no futuro, analizados dende a óptica estructuralista. Máis compre recoñécer que para estructurar o primeiro que hai que ter é o coñecemento obxectivo dos xeitos de vivir, dos medios, dos artefactos, da súa cultura. E aqueles nosos sabios, por todos os sistemas posibles, documentaron, describiron, fotografaron... publicaron, entregaron a museos cos que colaboraron a fundar e animaron, ese material para artellar sistematicamente, catalogar, analizar e concluir. Pola contra hoxe atoutiñamos entre as teorías, nas burocrazas, nas liturxas, pese a ter tantos e solprendentes medios para deixar testemuño dese pasado que se esvae aceleradamente. Materiais imprescindibles para complementar a didáctica de proxectos museográficos e contextualizar o exposto.

Tecnoloxía, economía,organización social... os aspectos tanxibles da realidade cultural, os que condicionarán as ideas. Faciana da cultura coas cicatrices da Historia, a que se poderá ver sometida, aculturada, degrada por diferentes xeitos de imposicións, bárbaros ou sofisticados, pero igual de crueis. Secuencia ensarillada de causas i efectos: diglosia, anomia, crise de identidade, marxinación... E os xeitos de expresión, de relación, o idioma, indicador da cuestión da nación, recollerá todas esas dependenzas e secuelas.

Claude Lévi-Straus é un referente na metodoloxía da investigación antropolóxica, con grandes aportes dende a súa óptica estructuralista. Nacido en Bruxelas no 1908 e finado en París o 30 de Outono diste 2009. Formado na Sorbona e con fonda actividade no Mato Grosso e na selva amazónica, onde comenza seus estudos etnográficos, como profesor da Universidade de São Paulo. Posteriormente en Tristes Trópicos describiría estas experiencias de xeito novelado. De volta a Francia vive o fragor da guerra mundial, militarizado, fuxe do nazismo e pasa a Nova York, onde imparte clase e afianza o seu sistema de traballo baixo a influencia do linguísta Jackobson. Viaxes de ida e volta a Francia, para doutorarse na Sorbona coa tese A vida familiar social dos indios Nambikwara e as estructuras elementais de parentesco e segue a desenvolver o tema de As estructuras elementais de parentesco, de tan fonda pegada nas xeracións vindeiras. O análise do papel da muller nos medios de producción marca as diferencias. Os catro tomos de Mitolóxicas, escritos entre o 1964-1971, son un referente polo sistema exposto de contrastes, os mitemas mediante os que analiza algúns mitos americanos: "A cultura é unha estructura". Súa obra deixa impronta nun tempo decisivo e apaixoante para ciencias que maduran, como a Arqueoloxía, a Antropoloxía, a Museoloxía... o saber de onde vimos para saber cara onde imos. Algo caracterizará noso tempo, nosa sociedadade, manifestarase na cultura e logo servirá para catalogarnos na Historia... namentres aparecen outros retos, rivalidades, enfrontamentos, mitos e ritos e o animal instinto de supervivencia sobre todo.