Era necesario vivir para isto. Era necesario vivir para ver o regreso do Deportivo a Primeira División. Este non foi un ascenso como o de hai dous anos. Aquela plantilla era moita plantilla do noso señor, e este ano houbo que confeccionar dous equipos diferentes. Se Fernando Vázquez non as tiña todas consigo en xuño, menos claro aínda o tiña en xaneiro. O mellor dese mes foi a venda de Culio que permitiu reforzarse con catro xogadores que lle permitiron ao de Castrofeito xogar con máis posibilidades á hora de construir un equipo. E iso que houbo desgracia nas lesións, sobre todo na de Salomao, quen onte estivo no campo para ver o ascenso dos seus compañeiros. Foi emotivo velo a el, mais tamén a Culio, a Rudy, a Riki e algún outro que se me queda por aí. Veremos como nos vai en primeira. Moitos cartos para fichaxes non hai. Algúns dos que están marcharán, aínda que outros como Sissoko están desexosos de ficar no Dépor. Este Dépor que tivo que pasar polo calvario da Segunda División e por unha eleccións que viñeron precedidas pola dimisión de Lendoiro. Era inevitable que os xogadores e corpo técnico non puidesen evitar mirar de reollo toda a trifulca económica que estaba tendo lugar no club. Hai moitas cousas que se normalizaron ou mudaron desde a chegada do novo presidente. Melloraron as relacións cos medios de comunicación, co Concello, coa Xunta e ata cos rivais. Pero o máis importante de todo é que esta afeizón nosa, estes siareiros e siareiras amosaron ao longo de toda a tempada o que é arroupar a un equipo. Non desfaceleron xamais, incluso neses momentos nos que Fernando Vázquez nos sorprendía a todos coas súas estratexias, os seus cambios e con botarse atrás en canto se conseguía un gol, eles estiveron sempre aí. Por iso recibiron o premio Xogador nº 12 á mellor afeizón. Agora toca gozar deste momento. Lembrar o noso extraordinario pasado como equipo, os nosos títulos, os nosos mortos. Compre lembrar que o fútbol non é tan só correr detrás dun balón e que como dicía o premio Nobel, Albert Camus: "todo o que aprendeu dos valores da vida, aprendeuno sendo xogador de fútbol", e que se puidese dar volta atrás na súa vida e tivese que elexir entre ser escritor e fútbolista elexiría o segundo. Forza Dépor! Forza Blues! Forza Coruña!