De cando en vez, visito ao País Vasco só polo pracer de contemplar un pobo orgulloso de selo. Desde o coidado dunha paisaxe, tan semellante á nosa, na que aínda imperan as formas sobrias e solemnes dos caseríos, ata a transformación continua dun legado cultural que semella sempre a punto de producir outro Chillida, outro Aresti, outro Berri Txarrak. Todo semella estar en movemento cara a algún punto moi concreto do futuro ou do presente: o deporte, a cociña ou a recuperación heróica da súa insólita lingua que, desde logo, non ten entre os seus atributos o carácter internacional. Un pobo orgulloso de selo e unha pregunta inevitable: por que nós non?

Como materialistas sabemos que o cultural é o produto dun determinado proceso histórico, dunhas determinadas condicións económicas, sociais e mesmo xeográficas. A veciñanza de Francia, a descuberta do carbón, o rol da Igrexa ou a defensa por parte da burguesía dos seus intereses diferenciados, son sen dúbida algúns dos factores que permitiron a creación dunha conciencia nacional vasca.

Unha conciencia nacional que torna inconcibible a chegada ao seu goberno dun partido que basease o seu discurso na denuncia falaz e absurda da imposición da propia lingua. Unha conciencia nacional que fai inconcibible un goberno visiblemente aterrado ante calquera posible colisión entre a defensa dos intereses galegos e os de Madrid, que son intuídos e aceptados de antemán sen a menor crítica ou dúbida. Unha conciencia de seu que, sospeitamos, faría imposibles as conclusións dramáticas de dous informes como os que acabamos de coñecer esta semana pasada.

O primeiro deles, achegado polo Instituto Galego de Estatística, amosa un forte retroceso no uso da lingua galega na nosa sociedade nos últimos dez anos. A situación resulta particularmente grave nas idades máis temperás, un 24 por cento dos rapaces e rapazas entre 9 e 14 anos non sabe expresarse na lingua propia, oito puntos máis que hai dez anos. Un dato que, sen dúbida, debe formar parte desa oculta folla de méritos que o presidente Feijóo pode exhibir ante os seus patróns da dereita madrileña cada vez que examinan severamente as súas credenciais de españolidade.

O segundo informe coñecido a semana pasada é o de FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento social en Galicia promovido por Cáritas Diocesana. No seu informe estatal publicado hai uns meses, a entidade católica xa sinalara o nosos país como o territorio do estado con máis persoas en situación de risco de exclusión social. No estudo agora coñecido, os datos polo miúdo amosan que para practicamente un de cada cinco galegos e galegas, 470 mil, a precariedade e a escaseza forman parte do seu contexto vital cotidiano, e que esta situación de incerteza e inseguridade ante o futuro "os descompromete ante a vida en común", en palabras dos sociólogos coruñeses Antonio Izquierdo e Raquel Martínez Buján, mantedores do acto de presentación desta sombriza diagnose.

As doenzas materiais e as culturais retroaliméntanse e van creando o cadro clínico dunha sociedade en situación de fallo multiorgánico. Feijóo reina sobre un deserto do que é ao mesmo tempo causa e consecuencia.