A vitalidade económica da Coruña sempre estivo ligada ao seu porto. Nese espazo está en xogo o noso futuro e non se lle pode arrebatar á cidadanía o seu dereito a participar das decisións transcendentais que marcarán este século.

Temos a lonxa con maior facturación de peixe fresco do Estado, o que nos dá pistas sobre a potencialidade das novas actividades económicas vinculadas ao mar e xeradoras de riqueza. Contamos con un enorme espazo de oportunidade para dar solucións a algúns problemas endémicos da cidade: melloras inmediatas e asequibles na mobilidade interior ou metropolitana; aumento de espazos verdes e equipamentos nos barrios adxacentes e respostas ao desafío da crise climática no longo prazo.

O concurso de ideas promovido polo Concello no 2018 supuxo un fito no que participaron tódalas administracións competentes, grupos políticos e axentes sociais de relevancia, como a universidade ou os colexios profesionais, coa presencia tamén de expertos independentes e de tódolos grupos políticos do Pleno. Os resultados daquel concurso foron referendados por todas aquelas veciñas e veciños da Coruña que se animaron a facelo. Esa debería ser a base para camiñar cara o futuro: escoitar a tódalas voces da cidade.

A Coruña non se pode permitir dar pasos atrás. Os peiraos interiores son unha xanela de oportunidades para Coruña.

Por todos estes motivos é tan necesaria a manifestación promovida por máis de 60 entidades sociais, culturais e políticas. Non podemos esquecer que foi a mobilización cidadá a que moveu os marcos e evitou, da man do Concello, que a Autoridade Portuaria malvendese A Solana e o Hotel Finisterre no 2017.

Este domingo falará a cidade, porque o Porto é de todos e todas e así debe seguir sendo.

*Exconcelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña e Coordinador do Grupo Parlamentario de Galicia en Común no Congreso (Unidas Podemos)