Estamos na mesma situación que en 2017. Daquela, e a iniciativa de Defensa do Común, milleiros de persoas participaban nunha manifestación na Coruña o 7 de maio, convocada por 70 entidades (tamén o PSOE, cando Rajoy estaba na Moncloa), baixo o lema Non á venda e privatización da fachada marítima e dos espazos públicos. Basta xa de especulación.

O 6 de marzo de 2017 o Pleno municipal aprobaba unha moción na que se apoiaba a manifestación e a realización dunha Consulta Popular: “O goberno municipal terá en conta o resultado desa consulta nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións públicas”. Sinalaba a convocatoria desa manifestación: “O porto exterior é unha obra do Estado e, xa que logo, debe ser o Estado quen pague a súa construción. Esiximos a devolución gratuíta ao concello, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de punta Langosteira e as súas conexións, como se fai noutros portos”.

Catro anos despois, a manifestación do domingo 30 de maio, que sairá ás 12 da Palloza e rematará na praza de María Pita, é tamén unha resposta ás declaracións de Francisco Toledo, presidente de Portos do Estado: “No se puede engañar con la reivindicación imposible de condonar la deuda del Puerto”, titulaba LA OPINIÓN de 23-3-2021. E unha resposta ás declaracións de Feijóo, recollidas nestas mesmas páxinas: “La Xunta propone reducir la deuda del Puerto con la venta del muelle de San Diego para pisos” (28-3-2021). O goberno municipal da Coruña e a alcaldesa deberían facer un claro rexeitamento destes posicionamentos da Xunta e do Goberno do Estado.

Nesta manifestación imos deixar claro que o “imposible” pode facerse realidade porque defender o porto é unha reivindicación xusta e necesaria para o desenvolvemento económico da área metropolitana e porque non imos aceptar novas discriminacións. Queremos un novo horizonte portuario baseado na titularidade e xestión públicas dos terreos, equipamentos, zonas verdes e espazos libres; o porto como motor económico e de emprego; usos produtivos portuarios e complementarios non contaminantes, relacionados coa economía do mar, tendo como criterio xeral a desafectación unicamente do que non sexa necesario para a actividade portuaria. Queremos construír un novo modelo de cidade pensada para as persoas.

Queremos a licitación do acceso ferroviario ao porto exterior de punta Langosteira antes do vindeiro mes de xuño e a súa adxudicación antes de que remate o ano 2021. Queremos a “condonación da débeda do Porto da Coruña con Portos do Estado” —como xa aprobaron por unanimidade o pleno da Coruña e o Parlamento Galego o 24 de marzo de 2021— mediante a inclusión das partidas correspondentes nos Orzamentos Xerais do Estado, rexeitando a privatización e venda dos terreos portuarios para o pago da débeda porque A Coruña non se vende.