As persoas con inmunodeficiencia primaria (que naceron con ela) foron incluídas no seu día nos grupos de risco que o Ministerio decidiu ter en conta como prioritarios á hora de establecer vacinacións á marxe do criteiro xeral de idade. Sen embargo, as persoas que sofren patoloxías autoinmunes, cunha inmunodeficiencia secundaria a tratamentos, non están contempladas en ningún grupo e, o que resulta máis grave, tampouco todas poden acceder ás vacinas cando lles toca por idade, o que supón un grave contratempo e unha discriminación intolerable.

Todas as persoas que son tratadas con medicamentos inmunosupresores sofren unha baixada de defensas e teñen mermada a capacidade de resposta a calquera infección externa. Ademais, cando están sometidas a tratamento biolóxico, que en moitos casos é necesario para o control da enfermidade, a eficacia da vacina vese comprometida e deberán esperar nalgún caso ata 3 meses trala última dose para poder vacinarse ou noutros casos en que reciben o tratamento mensualmente só sería posible a súa posta entre doses para poder xerar os anticorpos necesarios para loitar contra o COVID.

Ou sexa, que unha persoa de 60 anos que estea baixo estes tratamentos atópase aínda sen estar vacinada a pesar de que xa o están todas as da súa idade; ou outra de 40 anos que ve como se lle aproxima a época de vacinación, pero como a Administración non ten en conta estas circunstancias (a pesar de ter todos os datos da historia clínica á súa disposición) teñen que rexeitar a citación e terán que agardar a que os responsables sanitarios se acorden de chamalas (a saber cando) e que nese momento se atopen nun periodo no que a vacina poda realizar a súa función.

Nin o Comité Clínico Galego nin o Ministerio de Sanidade tiveron en conta a este colectivo, a pesar de que as Asociacións que o representan xa expuxeron as súas queixas diante desas Administracións.

Sorprende, sen embargo, a celeridade coa que se atenden outras demandas de dubidosa necesidade e como se saltan as normas para que 51 persoas da Selección Española de fútbol eviten o contaxio, mentres as persoas que padecen unha enfermidade de por vida non tiveron en ningún momento a atención que merecían e incluso agora se ven discriminadas dentro do seu grupo de idade.

Sería bo que as autoridades sanitarias da Xunta e do Estado pensaran menos en banalidades e máis nas persoas que sofren desamparo polas súas decisións arbitrarias.