Deixounos Lolo Parga.

En Bergondo coñecíamolo sobre todo como Lolo de Gallardo.

Era como unha marca comercial, os de Gallardo eran xente seria e intelixente. Non fallaba. Só coñezo casos que confirmen ésto, e nuns anos nos que era algo extraordinario desa casa de labradores saíron varios e brillantes titulados universitarios.

Lolo foi enxeñeiro industrial en Fenosa, pero non se desclasou e axiña se comprometeu politicamente dende a esquerda.

A política foi unha faceta indisociable da súa actividade vital, porque sabía que a vida xógase tamén na defensa da colectividade. Exerceu este compromiso dende o local loitando dende finais dos 70 por ter unha democracia digna de tal nome no seu concello, porque era dos que sabía que a democracia non se decreta, conquístase cada día.

E así o fixeron xunto a él homes e mulleres, que protagonizaron múltiples loitas para contar con servizos sanitarios públicos, colexios, que non se eliminaran as escolas unitarias en varias parroquias, polo respeto ao medio ambiente coma no caso da loita contra o recheo do Xuncal onde se pretendía facer un centro deportivo privado, nun espazo que é hoxe un espazo catalogado como Lugar de Interese Comunitario polos seus valores ambientais.

Tamén a loita pola recuperación da Senra, un edificio construído a partir do esforzo dos emigrantes bergondeses en Estados Unidos e espoliado polo franquismo, ou pola conservación do patrimonio público ante os intentos de apropiacións e privatizacións son outros exemplos do enorme labor desta xente agrupada en torno a unha das moitas candidaturas de unidade veciñal que afloraron durante a transición nas Mariñas.

Lolo quería, como defenden os que asumen valores republicanos, que ninguén teña que depender dos favores dos poderosos para vivir.

Por éso naquelas xuntanzas que tiven a sorte de presenciar, cando era un rapaz de 5 anos, na miña casa e ás que asistían ademais de Lolo, meu pai Crisanto, Matalobos, Juan, Javier, etc. a palabra que me chamaba a atención era a de “cacique”, quen polo contrario concibe a política como a creación de dependencias e favores que hai que agradecer a quen ostenta o poder, e era claramente o adversario político.

Froito desa concepción tamén participou varios anos na AMPA de Bergondo e cando lle diagnosticaron Esclerose Lateral Ameotrófica (ELA) tivo tempo para organizarse colectivamente e reivindicar os recursos necesarios para a investigación da enfermidade.

25 anos despois de estar co meu pai no Pleno do Concello de Bergondo, cando a Unidade Veciñal de Bergondo sacou catro concelleiros, Lolo seguía implicado politicamente e tiven a sorte de compartir con él catro anos intensos de política municipal en Bergondo, onde aprendín da súa intelixencia, organización, o xeito de traballar en contacto coa xente, o traballo e a constancia e agasalloume cunha das etapas máis enriquecedoras da miña vida.

Declarouse sempre como home de esquerdas, e militou sempre na esquerda nacionalista.

Foi un gran profesional no seu traballo, veciño, pai, e home exemplar, honrado e con principios firmes como rochas. Era respetado pola maioría.

Lembro cando despois de contarme algunha das anécdotas dos seus primeiros anos en política díxome: “Xa vés, non eramos xente de orde”.

E eu penso que un mundo onde xente coma Lolo non sexa considerada xente de orde, é un mundo que está patas para arriba.

El loitou por darlle a volta.