Opinión | Algo que declarar

Crise financeira ou cambio de época

Semella que estamos a entrar de novo nunha desas crises económicas nas que todo debe explicarse unicamente a través dos arcanos da política monetaria, que son o equivalente ao oráculo de Delfos do mundo contemporáneo. Así, polo que imos vendo, a suba do prezo do diñeiro por parte dos bancos centrais europeo e dos Estados Unidos, que era unha mala nova para o común dos mortais cunha hipoteca de tipo variable a longo prazo, acaba de levar á ruína ao Silicon Valley Bank, que baseaba o seu negocio en prestarlle diñeiro ao cero por cento ás puntocom, onde recadaba os seus principais depósitos, e mercarlle despois débeda ao estado ao dous por cento, o que non era mal choio ata que o prezo do diñeiro subiu ao tres por cento e os seus bonos a longo prazo deixaron de seren convertibles de xeito inmediato. De aí para adiante, o crack deste banco tivo máis a ver coa xestión da información que coa rendibilidade do seu negocio, e non deixa de asombrarnos, así a todo, a simpleza do mecanismo: os novísimos deseñadores de sofisticados produtos financeiros de última xeración resultaron non ser máis que meros intermediarios entre o ámbito privado, de onde recadaban o diñeiro, e o público, o Tesouro, a quen llo vendían para quedaren eles coa diferenza. Nos tempos do algoritmo segue imperando a aritmética elemental da suma e a resta.

En todo caso, boa parte dos analistas do suceso coinciden nas súas filípicas e minisións contra os investidores e depositantes privados polo seu comportamento de manada e contrario ás leis da teoría do xogo, é dicir, por entraren en pánico e tentaren retirar os seus fondos todos ao mesmo tempo, o que provocou o colapso do banco. Xa sabemos, por experiencia recente, que tentar explicar a vida económica en termos de psicoloxía de masas non serve máis que para evitar falar sobre o fondo do asunto: a natureza irracional e esquizofrénica do Capitalismo, tal e como nola explicaron no seu día Deleuze e Guattari.

A caída do Credit Suisse xa pertence a outra categoría. A banca suíza veu funcionando ao longo de todo o século XX como unha verdadeira caixa negra na que se ían depositando as súas actas escuras, en frase de Vidal Bolaño, en forma de depósitos protexidos polo secreto bancario dos grandes e miúdos criminais da época. Alí gardaban o froito do seu roubo ditadores, narcotraficantes e desfalcadores do fisco en xeral, un negocio que veu sufrindo ultimamente a competencia feroz dunha recua de paraísos fiscais espallados por todo o globo: taxa decrecente do beneficio. Que a monarquía saudí desistise esta vez de acudir no seu auxilio, unha semana despois de asinar a paz con Irán grazas á mediación de China, podería interpretarse como outro indicio máis do cambio de época ao que estamos asistindo a cámara rápida nestes momentos. Todo é susceptible de roubo ou apropiación, xa nolo ensinou Pascale Casanova para a literatura, a empezar polas propias artes do roubo e da apropiación.