Murguía contra o Cid Campeador, unha loita desigual

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

O Cid cabalgou, campeador, polas escolas de posguerra en Galicia, saudado como heroe español, digno, intrépido e valente, tan arrogante coma os vencedores franquistas. Non atopou ningún obstáculo na súa marcha victoriosa, ganando, efectivamente, batallas ideolóxicas despois de morto. Xa pouca xente lembra o intento de Murguía de descabalgalo da realidade para envialo ao mundo da mitoloxía. Ocorreu esto no ano 1857 con ocasión da publicación da obra titulada Rodrigo el Campeador. Estudio histórico (1857) da autoría do arabista D. Manuel Malo de Molina. Pretendía o autor, na liña patriótica española, exaltar e afirmar a figura do Cid basándose en documentos árabes de dudosa autenticidade. O debate tivo lugar nas páxinas do xornal liberal La Iberia, fundado en 1854 por P. Calvo Asensio. Murguía malia non formar parte da súa redacción, era colaborador habitual e contesta a recensión que se lle fai á obra devandita na sección denominada Crítica Literaria, descualificando a autenticidade dos documentos que acreditaban a existencia histórica do heroe e das súas proezas. Para valorar esta opinión “contracultural” do noso historiador compre non esquecer o clima de exaltación patriótica que se vivía en España impulsado polas guerras napoleónicas e pola independencia que estaban acadando os países de América do Sur. Pretendíase, por parte dos “historiadores isabelinos”, elaborar unha historia patriótica de España ao servizo das necesidades políticas do Estado. O proxecto xira inicialmente arredor da Real Academia da Historia, de espírito conservador e integrista, que contaba coas poderosas armas da Escola Superior de Diplomática (1857), do corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, coa Biblioteca de Autores Españoles etc.

Entre 1848-1870, toda Europa estaba empeñada nunha loita darwiniana entre as grandes nacións que aspiraban a fundar un Estado e as pequenas nacións condenadas á degradación ou desaparición. Estas últimas, como Galicia ou Irlanda, aspiraban a ser lexitimadas reivindicando institucións propias e demostrando o carácter histórico das mesmas: construír, mediante unha historia singular, o dereito que se lles negaba. Seguindo o modelo romántico alemán o período medieval tómase como referente esencial para o desenvolvemento da súa historia

Nesta liña, o paradigma historiográfico do Estado español era a voluminosa historia de Modesto Lafuente, providencialista e unitario, autor do concepto de Reconquista e das mitografías de don Pelayo e El Cid e, nomeadamente, responsable do espírito que confundía Castela con España, según palabras do propio Murguía.

Cando Murguía, que conta con 24 anos, comeza a planificación do seu proxecto historiográfico de Galicia adopta unha metodoloxía semellante: celtismo vs. iberismo, reino suevo fronte reino visigodo e Xelmírez, non Pardo de Cela, como heroe singular que documenta e fai presente Santiago como destino e capital relixiosa de Europa. A cuestión é que Murguía sembra numerosas dúbidas sobre a figura histórica do Cid no corazón, Madrid, do integrismo patriótico da Academia da Historia. Recibe numerosas descualificacións que atribúen a “malintencionada” negación ao “seu mal humor” ou á “prevención sensible de provincia a provincia” despois de tantos anos transcorridos desde que se “constituyó la nacionalidad española”. Non faltou o argumento que explica a incredulidade de Murguía alegando que non lle caben na súa pequena cabeza as tan grandes fazañas históricas do Campeador. Murguía defendeu as súas teses en La Iberia ata que o seu director asina un artigo desautorizando, no nome da redacción, as teses de Murguía e defende as do Sr. Malo de Molina, “concordante en todo con la nuestra que como españoles y como castellanos tienen en mucho el nombre del Cid y las glorias conquistadas con su espada”. Desde este momento (1-XII-1857) Murguía non volve pisar a redacción de La Iberia e busca refuxio nas páxinas de El Museo Universal de Gaspar y Roig e outras cabeceiras onde comeza as súas colaboracións ao mes seguinte (15-I-1858). O Cid ganou outra batalla despois de morto porque contaba coas armas poderosas do Estado español contra da palabra humilde de Murguía, unha loita desigual.

Xosé Luís Axeitos é académico numerario da Real Academia Galega