De re lexicographica (II)

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

Non foi a colaboración xenerosa na fundación do Portal das Palabras e no seu mantemento actual a única colaboración da Fundación Barrié coa Real Academia Galega. Xa en 1970 colaborou a citada Fundación na ordenación e catalogación dos fondos bibliográficos da Academia. Nos exercicios seguintes de 1971 e 1972 aportou unha importante axuda, máis de dous millón de pesetas, para a posta en marcha do Museo Pardo Bazán e rehabilitación da casa da rúa Tabernas.

Esta última circunstancia coincide xa cos primeiros contactos morganáticos da RAG co Instituto da Lingua Galega que acababa de publicar as súas Lecturas Galegas destinadas ao ensino e pide informe e aprobación da Academia mediante a representación que ostenta o académico Marino Dónega. Foi, digamos, o primeiro xesto ritual de seducción do fundador da institución universitaria, o profesor Constantino García. Pola súa parte a Academia acababa de publicar en 1970 as Normas ortográficas do idioma galego que terán continuidade en 1971 coas rectificacións efectuadas por Carballo Calero, aprobadas en xullo deste mesmo ano. Resulta aínda hoxe sorprendente a prudencia e asisado criterio exposto polo profesor e catedrático de Ferrol nun ditame arredor de “reás”, plural de “real”; na carta que escribe ao secretario Sr. Vales Villamarín fica formulada toda unha filosofía ao respecto da ortografía que anticipa actitudes de tolerancia e prudencia que non manterá o ILG en alianza posterior coa RAG que adoptará unhas normas moi poco democráticas ao seren escasamente fonéticas nun país cunha estratificación social tan marcada. Consultado Carballo sobre a forma “reás”, plural de “real”, que según as normas debería ser o plural “reais”, avoga por mantela como forma callada pola tradición e remata deste xeito: “Noutros casos non se quixo ser categórico para propiciar unha prudente opción esperimental que permita á lingua literaria abrirse espontáneamente camiño. Tal penso.”

Esa “prudente opción esperimental” que non rexeita a forma “reás” malia que non cumpre as normas xerais de formación do plural é toda unha actitude de tolerancia que fanaron os acontecementos posteriores cunhas normas que convidan á corrección compulsiva propia dos denominados no mundo anglosaxón grammarnazi. A orixe desta posición de superioridade que adoptan certos lingüistas radica na denominada “brigada normativa” constituída por persoas que acceden ás institucións con capacidade para regulamentar en materia lingüística e non adoitan respectar, ofuscadas na apariencia do seu poder, o carácter social da lingua.

A filosofía tolerante do profesor Carballo Calero ten como base outras ideas sustentadas polo mesmo profesor galego cando nos di que “o idioma é unha cousa demasiado seria para ser confiada exclusivamente aos especialistas”. O que quere dicir que a lingua, palabras e gramática, non están nos libros, están nas nosas cabezas. Os falantes nativos non podemos falar mal aínda que queiramos e o lingüísta non está para facer que se cumpra nada, se acaso está para descubrir o funcionamento da linguaxe.

Se aplicamos estes criterios, resultan unha serie de principios básicos de natureza lexicográfica: primeiro, os feitos lingüísticos tamén son feitos e como tal hai que respectalos; segundo principio básico, onde a lingua distingue é preciso introducir distinción; terceiro, o lexicógrafo non debería limitarse a copiar , non debe facelo nin de si mesmo porque por veces ata se copian as inxenuidades máis chocantes; cuarto principio, a descripción lexicográfica debe ceñirse aos criterios de concisión e brevidade, salvando sempre a claridade do texto sen omitir datos pertinentes.

Suscríbete para seguir leyendo