O estandarte de Luísa Villalta

Luísa Villalta.

Luísa Villalta. / LOC

Teresa Pastor Novo | Profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Eusebio da Guarda

O pasado 5 de febreiro foi un día ben ledo, xa que a familia Villalta Gómez acudiu ao instituto de Educación Secundaria Plurilingüe (IESP) Eusebio da Guarda, co gallo de recibir o cartelón de lona da esgrevia escritora coruñesa Luísa Villalta, que dende o venres 2 de febreiro aparece pendurado na fachada principal do edificio histórico.

Con este acto, o instituto quere significar a enorme importancia e o orgullo que a dita autora, protagonista hogano do Día das Letras Galegas, supón como espello en que mirarse a mocidade, que apura a cunca do seu futuro con grolos de ilusión e esperanza no seu porvir.

Como se dun estandarte romano se tratase, a imaxe da insigne coruñesa pendura con toda a súa forza no centro académico onde estudou.

Botando unha ollada á historia, o estandarte das lexións romanas agochaba un enorme simbolismo: era importante como punto de encontro, símbolo de orgullo e, en termos prácticos, como medio de comunicación durante a batalla. O simbolismo deste elemento vén á perfección no que representa a figura irrepetible de Luísa Villalta, colocada na fachada deste edificio histórico, ubicado nunha das prazas máis cenitais da nosa cidade, a Praza de Pontevedra, testemuño do intenso trafegar dos seus habitantes e tamén a ágora perfecta para o encontro de toda a poboación herculina. Por isto, o instituto é sen dúbida, o punto de reunión de todas as xeracións pasadas, presentes e futuras que converxen, como fixo Luísa, neste lugar. Alén diso, cal o estandarte romano, é un orgullo que colgue da fachada deste rexio inmoble, non só para este centro educativo, senón para todas as coruñesas e coruñeses, e para toda Galicia, en xeral. E, poñendo fin a esta comparanza con este elemento, o símbolo desta bandeira era ser medio de comunicación durante a batalla. Pois nunca máis acaído na múltiple mestría villaltina, espallada por todos os xéneros, onde deixou pegada do seu compromiso, da súa vertente social, sempre ao carón das causas xustas, dos problemas da súa época, Luísa de todas as batallas, coma a nosa heroína María Pita, brandindo a súa pluma, en defensa dos máis desfavorecidos.

A data da colocación, o venres 2 de febreiro, foi escollida á mantenta: a Festa da Candeloria ou das Candeas, a Festa do Amor, no calendario tradicional galego. Con isto, o instituto quixo amosarlle o seu fondo amor a unha antiga alumna destacada, con arte e mestría de seu que, xa noutrora, do seu tempo de estudante neste centro, foran descubertas por unha antiga profesora, tristemente falecida o ano pasado, Mª Teresa Rodríguez Taboada, quen quedou engaiolada polo seu talento e tamén lle deu azos para que se dedicase ao mundo das Letras. Moi bo ollo o desta docente porque, a Dama da Cidade Alta non só consagrou a súa vida á palabra, senón que a levou ao máximo recoñecemento que se lle pode dar a unha escritora na nosa terra, o Día das Letras Galegas.

O labor atento do profesorado, aquel que traballa coa mesma paixón que puxo Luísa en todo o que facía, convértenos nunha sorte de exploradores de talento ou cazatesouros, á espreita de potenciar as calidades do noso alumnado.

Así pois, Luísa, volves ao teu instituto pola porta grande, como marchaches aquel ano da túa graduación, 1974, levando baixo o brazo un feixe de ilusións e deixando unha lembranza agarimosa e tenra. Cada vez que parte unha promoción de estudantes, sempre se lles di: “Aquí fica a vosa casa”. Pois, en efecto, benquerida Luísa Villalta, como expresou cunha sensibilidade infinda o cantautor Antonio Vega, aquí, no teu instituto, terás sempre “o sitio do teu recreo”.Moitas grazas á familia Villalta Gómez por coidar e custodiar con esmero o seu legado, defender con agarimo e afouteza a súa memoria durante estes vinte anos e ata a eternidade, co desexo de que a súa palabra chegue a todos e a todas e sexa inmorredoira.