Recordo a Luísa Villalta no inicio do seu camiño

A súa familia acude á inauguración dun cartel no Eusebio da Guarda, onde a literata decidiu adicarse ás letras por unha docente

O tío de Villalta, a súa sobriña, a súa irmá Susana, a súa tía, Teresa Peña e outras docentes do Eusebio da Guarda baixo o cartel.   | // CARLOS PARDELLAS

O tío de Villalta, a súa sobriña, a súa irmá Susana, a súa tía, Teresa Peña e outras docentes do Eusebio da Guarda baixo o cartel. | // CARLOS PARDELLAS / Enrique Carballo

A literata coruñesa Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, era de nena “unha estudante brillantísima, en todo”, lembra a súa irmá Susana. Pero foi no instituto Eusebio da Guarda onde, de adolescente, coñeceu a unha profesora de Lengua Castellana, a recentemente falecida María Teresa Rodríguez Taboada, que “encontrou nela un don especial para escribir” e a encamiñou na carreira de literatura. O instituto da praza de Pontevedra, do que Villalta se graduou hai agora 50 anos, foi así “punto de partida” para a autora, que despois se licenciaría en Filología Hispánica e Filoloxía Galaico-Portuguesa e escribiría poesía, ensaio, narrativa e teatro antes de falecer en 2004. Para lembrar o paso de Villalta polo centro, este colgou o pasado venres un cartel sobre a autora na súa fachada, e este luns o inaugurou formalmente coa familia.

Ao acto acudiron a sobriña e dous tíos da literata falecida, aparte da súa irmá Susana, que lembra que o seu paso polo Eusebio da Guarda foi unha etapa de “evolución” cara a “madurez”, na que “atopou nas letras o seu camiño, e este instituto foi principal” para dar este paso. Rodríguez Taboada, conta Susana, era “cercana á familia, falaba cos meus pais” e lles contaba que Luísa tiña “un talento moi especial”, cunhas “aptitudes moi especiais” e grande “sensibilidade”.

E tamén tiña “moitísima curiosidade”. Aparte de ser polifacética como autora, Susana explica que a homenaxeada no Día das Letras “interesábanlle moitas cousas” e que na súa obra se ven trazos das súas investigacións sobre “a literatura, a música, a estética, a historia, a filosofía, un conxunto de moitísimos coñecementos”.A irmá de Luísa Villalta tamén fixo un breve discurso no que deu “moitísimas grazas” aos profesores do instituto por realizar a acto, en especial á filóloga Teresa Pastor Novo, que dá clase de galego. O ano pasado, antes de saberse que Luísa Villalta sería a homenaxeada no Día das Letras de 2024, esta profesora organizou unha actividade con alumnos para lembrala.

A docente explica que a obra de Villalta é “moi moderna, pode achegarse perfectamente aos mozos que están aquí” e tamén resulta “imperecedoira” por tratar “temas universais”. A súa poesía, considera Pastor, foi “valente, comprometida coas causas do seu tempo”, e a autora non tivo reparos en “denunciar o que consideraba que era inxusto”. E, desde o punto de vista filolóxico, a obra “coidadísima”. “É un referente para todos nós”, resume Pastor, que no acto de onte leu un texto sobre a poetisa que concluíu cunha apelación directa: “Luísa, terás sempre aquí o sitio do teu recreo”. A profesora estivo acompañada pola directora do centro, Isabel Ruso, e outras membros do equipo docente.