Opinión | Shikamoo construir en positivo

Tralos pasos de Rosalía

Escribo este artigo no Día de Rosalía, onte, non podendo deixar de mandar antes unha fonda aperta a Valencia e aos seus veciños conmocionados polo duro transo que viven algunhas familias alí, despois da morte irreparable de varias persoas e pola perda de moitas vivendas ao ser consumido un edificio enteiro por moi agresivas lapas. Ben que o sinto...

Escríboo, como digo, no aniversario do nacemento de Rosalía e decido entón facelo en galego. Un idioma que ten cambiado moito desde aqueles versos da xenial poeta do Rexurdimento no XIX, pero que, sen dúbida, segue a ser feiticeiro e no que a poesía tórnase especialmente agarimosa, como se fose especialmente idóneo para tal xénero... Pero tamén a prosa gaña musicalidade e potencia na expresión en galego, desde o meu punto de vista, e é un idioma que utilizo para moitos dos meus artigos e traballos, mesmo en columnas que publico con regularidade noutros medios. Neste recuncho en LA OPINIÓN, xa hai máis de vinte anos, escribo en castelán, lingua tamén fermosa e completa como poucas, e parte irrenunciable do noso patrimonio. Non perdan de vista o feito de que somos afortunados, tendo dúas linguas nas que nos expresamos, vivimos e comunicamos...

Son fillo de pai e nai galegos, pero na casa —fóra das súas importantes influencias no castelán— non aprendín galego. Tampouco no ensino básico, porque a lei naquel momento non o contemplaba no currículo. Ao chegar ao instituto Ramón M. Pidal —Zalaeta— si que xa tiven a oportunidade de coñecer moito máis da nosa lingua propia, e mesmo expresarme nela, coa sorte de ter grandes profesores. Pero aquel era un momento no que as normativas aínda non estaban moi claras, co que o meu galego académico despois de tal etapa non era moi ben visto en tódolos círculos. E así foi que, xusto ao comezar o miña etapa na universidade, tiven a ocorrencia de facer unha pregunta nesta lingua ao termo dunha conferencia nun colexio maior. Nunca esquecerei á miña sorpresa pola reacción airada dunha parte do público, polo que era entendido como presunta militancia nunha das opcións lingüísticas minoritarias, coa que supoño discrepaban. Pero xa ven... eu simplemente falaba o galego que eu coñecera no instituto...

Moito choveu desde entón, e xa teño máis experiencia e anos. E sigo celebrando a posibilidade de utilizarmos as dúas linguas, e valorando e desfrutando a escrita en cada unha delas. Tamén considero importante deixar aos que veñen detrás de nós tal visión, valorando o que é propio, nun contexto de aldea global que moitas veces non da toda a súa importancia ao local e propio... Nesa teima, é importante insistir na figura de Rosalía como pioneira, á vangarda no seu tempo e artífice, con outros, de que o galego siga tan vivo. Reivindicala, no seu día, é falar do galego e de Galicia, e tamén de sentimentos de apego á nosa terra polos que a algún parente noso o “pasearon” e asasinaron hai non tanto... Sentimentos que non son incompatibles en modo algún co feito de exercer unha cidadanía activa moito máis ampla, española, europea e do mundo.

É por todo iso que quero traer aquí esta celebración, en clave de ledicia e mirando sempre ao futuro, aproveitando a sensibilidade e o legado dos nosos devanceiros. Aínda que sexa cun día de atraso, feliz día de Rosalía. Eu celebreino recitando e escoitando, cantando e albiscando o fondo agromar dunha lingua que une moito máis aló das negras sombras ás que xa a poeta cantou e que de cando en vez asoman nun anaquiño da actualidade e que, por homoxeneizadoras e por non entender de diferenzas, meten sempre medo.

Feliz día de Rosalía, si, na medida do posible. Porque, sendo conscientes de moito do que é actualidade, esa felicidade queda sempre moi matizada...