Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

Casa de citas

Non nos estamos a referir a un “local destinado a encontros íntimos entre persoas”, tal como, pudorosamente, define o Portal das Palabras a expresión do noso titular. Pretendemos con el ponderar e comentar a paixón polo coleccionismo de citas que acompañou a Walter Benjamin (1892-1940), escritor coñecido pero non famoso, que decidiu acabar coa súa vida en Portbou cando fuxía do nazismo.

Cando lemos un texto e subliñamos unha palabra ou un parágrafo estámonos apropiando dun significado ou dunha idea expresado polo autor. Manchamos e deterioramos o libro como signo de posesión. É o paso previo a unha “cita” que non deixa de ser en numerosas ocasións unha apropiación indebida; de aquí que para paliar esa acción tolerada procuremos consignar o nome do autor do texto marcado interesadamente. Usadas con rigor e sensatez as citas posibilitan e son testemuño de encontros textuais e diálogos insospeitados con autores do pasado e con escritores actuais sin necesidade de que estean presentes tal como poetiza Quevedo no primeiro cuarteto dun célebre soneto: Retirado en la paz de estos desiertos,/con pocos, pero doctos libros juntos,/vivo en conversación con los difuntos,/y escucho con mis ojos a los muertos.

Desde os arredados anos da Baixa Idade Media os sermóns e tratados teolóxicos, e eu diría que todo tipo de escritos sapienciais, estaban atestados de citas da Biblia e dos seus escoliastas e glosadores. Dada a sacralización da palabra escrita, cumpría a cita, como adoita ser habitual, unha función de dotar de autoridade os escritos. Pero en non poucas ocasións, as citas tamén suplían a falta de argumentación e incoherencia das obras, unha especie de perlas incrustadas na intrascendencia do discurso.

Malia que a maioría das citas proceden da literatura escrita, os fragmentos citados de memoria circulan coma se fosen literatura oral e reciben un tratamento semellante aos contos e narracións folclóricas que van cambiando co tempo e nunca son verificables. Son moitas as citas apócrifas que circulan atribuídas a autores coñecidos porque ao apoiarse no prestixio destes aumenta a aceptación das mesmas. Circunstancia que non deixa de gardar certo paralelismo con Borges cando para proclamar as virtudes dun tradutor di que o orixinal é infiel á tradución (Otras disquisiciones: “Sobre el Vahtek de William Beckford”).

Pero probablemente sexa Walter Benjamin o caso máis extremo e orixinal no tratamento dado á cita. No seu empeño de ruptura coa tradición mostrenca que arrastran as citas canónicas e influenciado polo uso revolucionario que fai da cita periodística o gran escritor austriaco Karl Kraus (1874-1936) no seu xornal satírico Die Fackel, Benjamin proclama a súa aspiración a que a citación opere como os ladróns na estrada, que asaltan e atacan destruíndo a paz mental que producen os saberes establecidos. A esta paixón de Benjamin pola cita dedicou páxinas maxistrais a súa amiga Hannah Arendt. O obxectivo do coleccionismo de citas do seu amigo era descontextualizalas para dotalas de novas significacións; ata tal punto que chegou a concebir a escritura dun libro de citas estruturadas de tal maneira que se podería prescindir de calquera outro texto explicativo. Pretendía desposuír as citas da súa utilidade á maneira dos obxectos coleccionados polas crianzas que soamente gardan valor para elas. Así, conclúe Hannah Arendt, o coleccionista, igual que o revolucionario, soña cun mundo mellor onde as cousas e as palabras estean liberadas de dependencia da utilidade. Con este obxectivo Benjamin converteu a súa casa nunha casa de citas, con Goethe e Kafka á cabeza dos citados.