Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

Libros encadeados (‘Libri catenati’)

O libro, como soporte documental por excelencia ao longo dos anos, nace nun momento determinado —cando é copiado ou impreso— e morre, como todo ser vivo, cando os encargados do seu coidado non poden evitar a desaparición. Entre a vida e a morte, como seres vivos, padecen danos físicos e morais, enfermidades e todo tipo de avatares porque tamén son numerosos os perigos a que está sometido: censura relixiosa e política, os malos hábitos de conservación de lectores e libreiros, guerras, o lume e a humidade e os insectos e os fungos. Nesta mesma sección témonos referido a “libros exiliados”, libros incendiados”, “libros incendiarios”, “libros intensos” e “libros intonsos”, “libros redondos”, etc. Hoxe, seguindo a serie, seguindo a vida do libro, ímonos referir ao “libro encadeado” no sentido literal da expresión non sen advertir que, en sentido figurado, non hai cadea máis rigorosa para un libro que o seu secuestro ou encarceramento por mor da censura que os conduce á fogueira purificadora ou, como mal menor, os relega a un apartado invisible para o lector que os bibliotecarios adoitan denominar “inferno”. Pero non, estamos a referirnos á práctica medieval de poñerlle cadeas ao libro e que, en ocasións, esta circunstancia acaba poñendo nome ao exemplar como no caso do Libro de la cadena del concejo de Jaca, que ao recoller doazóns, estatutos e privilexios municipais eran moitos os que querían consultalo; para evitar a súa desaparición, quedou aferrollado cunha cadea nas dependencias municipais, un hábito de protección moi habitual. Este sistema protector contra ladróns é un claro exemplo do valor que cobrou o libro ao longo da súa historia.

Conta Peter Brown (Por el ojo de una aguja, 2016) que unha copia dos evanxeos na época de Xerome (finais do século IV) costaba tanto como un sarcófago de mármore, con razón un armario de rolos era un signo de distinción e disputa entre filósofos e teólogos que recibían e convidaban as súas amistades na biblioteca da mesma maneira que anos máis tarde (séculos XVI e XVII) os monarcas europeos recibían embaixadores e delegacións doutros países na súa galería particular, un espazo noble reservado para a súa colección de arte.

Pero na Idade Media as bibliotecas eran cousa de mosteiros e castelos, non todos; só unha mínima parte da poboación sabía ler e non sempre os hipotéticos lectores tiñan capacidade económica suficiente para adquirir máis de tres ou catro libros. A demanda de libros e manuais, xa en formato códice, incrementouse notoriamente a partir da creación das primeiras universidades (s. XIII), máis de sesenta en toda Europa a finais do século XIV. Como consecuencia desta demenda aumentou o valor dos libros e das copias, que se converten en obxectivo apetecible para os ladróns. Por este motivo os bibliotecarios no seu afán de protexer os códices que custodiaban de posibles roubos idearon diversos sistemas de seguridade, entre eles resultou de gran efectividade o sistema de encadear os libros aos armarios e estanterías. Para conseguir un libro encadeado adoitaban fabricarse unhas tapas de madeira onde atornillar a cadea ou ben pasala por dentro do oco do lombo co conseguinte deterioro que podía ocasionar. A biblioteca encadeada máis grande do mundo está na catedral de Hereford no Reino Unido onde todos os libros manteñen as súas cadeas orixinais, reconstruída tal como era en 1611. Os libros encadeados adoitaban estar colocados de canto para facilitar a súa lectura sen ter que retorcer a cadea. Como con esta colocación eran visibles os lombos, cada estantería tiña unha lista dos títulos. Como non todo o mundo confiaba na seguridade ofrecida polos libros encadeados, había quen recorría ás ameazas divinas tal como recolle a cédula do Sumo Pontífice de 1568 que vende actualmente a Universidade de Salamanca como postal: “Hai excomunión reservada a su santidad contra qualesquiera persona, que quitaren, distraxeren, o de otro qualquier modo enagenaren algun libro, pergamino o papel de esta biblioteca, sin que puedan ser absueltas hasta que esta esté perfectamente reintegrada”.

Non hai dúbida que o medo ao “máis alá” tamén pode ter efectos terapéuticos contra os ladróns. Un dispositivo de alarma de conexión directa.