Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

‘A lume lento’ (‘remake’)

Hai algo máis dun mes comentamos brevemente unha conferencia escoitada por YouTube titulada, cinematográficamente, A lume lento pronunciada con ocasión do centenario da Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) no ano 2019; pois ben hai uns días, sen pretendelo, vinme na obriga de presenciar un remake do mesmo filme porque con mínimas variantes era a mesma película; ambas non pretendían outra cousa que xustificar o inxustificable: un equipo de traballo de seis profesores do ILG, con nome e apelidos, comprométense a redactar unha gramática descritiva do galego actual, unha gramática de referencia, con descrición de feitos e abundante exemplificación que será entregada á RAG no prazo de tres anos, tal como recolle o contrato solemnemente asinado polo Rector da USC e polo Presidente da RAG con data 1 de decembro de 2010. No día de hoxe, despois de ter recibido do erario público case 150.000 euros (135.454, 24 euros exactamente) aínda non foi entregada a obra encargada.

O obxectivo fixado de servir como gramática académica e de contribuír a definir e difundir o estándar é ao mesmo tempo o maior problema causante do retraso e do reiterado incumprimento do contrato. Aquí están as chaves de todo, no estándar está o problema e a solución. Sorprende que nos círculos universitarios non se contemple o perigo que supón que seis persoas, poucas porque non queren ser máis, fixen a estandarización do galego sometendo unha lingua sen límites marcados a un proceso de uniformidade que responde a criterios claramente ideolóxicos. Unha ideoloxía que proclama que a lingua non é posesión dos falantes nativos; a competencia pasa a ser exclusiva dos lingüistas e das gramáticas que elaboran e ensinan.

O proceso de estandarización dunha lingua está impregnado de ideoloxía que será moito máis perigosa cando se nega ou se oculta. A estandarización supón que as secuencias gramaticais son definidas exteriormente polos libros de gramática onde a intuición do falante nativo non significa nada. O estándar así concibido é un construto ideolóxico moi relacionado coa “norma” ata o punto que algúns autores considéranos sinónimos sempre e cando esta se tome como “norma social” á maneira de Coseriu: usos habituais nunha determinada comunidade lingüística e non no máis restrictivo da expresión “gramática normativa”. Aquí residen as claves do retraso da entrega da Gramática e non nas dificultades presentadas polos autores que buscan xustificación no entorno lingüístico. O primeiro argumento esgrimido (que de esgrima ven) pola demora na entrega é que as denominadas “gramáticas do século XXI” están caracterizadas fronte das anteriores por dúas notas esenciais: ser de autoría colectiva e ter unha media de tempo de elaboración arredor de 20 anos. Malia que a clasificación gramatical alegada ten moito parecido coa moi surrealista que fixo Borges dos animais (os que pertencen ao Emperador, os embalsamados, fabulosos, cans soltos etc.) o elemento da duración non é admisible porque cando se asinou o convenio primeiro (2001) ata a sinatura do contrato público (2010) os responsables sabían das dificultades e da súa dedicación, que non alegaron no seu momento cando recibiron as subvencións correspondentes.

A maior abondamento, os tres tomos da Gramática da RAE (2009-2011), elaborada ao longo de 11 anos consta de 4808 páxinas e salvou mil dificultades de coordinación entre todas as Academias da ASALE (Asociación de Academias de la Lengua Española) composta por 23 asociacións e con varios focos irradiadores como corresponde a unha lingua policéntrica. Na obra traballaron centenares de persoas, colaboración non buscada polos gramáticos do ILG que queren a exclusividade da “norma”. Como dicía Hernando de Acuña no seu célebre soneto dedicado ao Emperador, para o que desexaba una grey y un pastor solo en el suelo en que vencido el mar (ortografía, dicionario), venza la tierra (Gramática), a filosofía dos fundadores do ILG., que non é todo o Instituto.

Deslatinizar a cultura románica foi un proceso lento de varios séculos pero desgramaticalizar a linguaxe é tamén urxente hoxe. Esa mentalidade que entrega a capacidade do bo falar aos linguistas temos que desterrala, sobre todo no galego.