Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

O padre Sarmiento e o profesor Pensado, transmisores do pensamento etimolóxico europeo

Hai coincidencia entre os seus lectores en cualificar os escritos do Padre Sarmiento como desordenados, caóticos e faltos de estrutura. Unha das causas argumentadas é a constante intromisión de etimoloxías que distraen do tema principal do que está a tratar. Emporiso, paradoxalmente, se valoramos a concepción que o monxe bieito ten da etimoloxía deseguida nos decatamos da función esencial que esta cumpre nos seus escritos como elemento estruturador dos mesmos. Obviamente a utilidade que lle poidamos dar á etimoloxía dependerá da concepción que teñamos dela.

Se queremos resumir a complexidade da súa historia podemos sintetizala en dúas correntes: por unha parte, a concepción da etimoloxía como forma de coñecemento, de entender o mundo (de Varrón a Isidoro de Sevilla); por outra parte unha tradición escéptica (de Platón a Agustín de Hipona) que a considera innecesaria e intrascendente, sempre relacionada coa relixión, a maxia, os soños e a superstición. Deste xeito encontrámonos con dúas concepcións contrapostas: unha rica e arraigada tradición cultural que contrasta cunha valoración negativa desa mesma tradición. Malia que esa antítese non sexa máis que aparente pois a valoración negativa hoxe xa forma parte da mesma tradición.

Ambas concepcións coinciden na elección de formatos de transmisión: enciclopedia, dicionario ou miscelánea erudita.

O padre Sarmiento elixe o formato misceláneo no seu afán por definir, glosar e interpretar a orixe das palabras como se a esencia das cousas estivese verbalizada e desvelar as palabras fose desvelar a realidade mesma. En definitiva, a etimoloxía é para Sarmiento a cita que proporciona credibilidade aos seus escritos de todo tipo: históricos, arqueolóxicos, botánicos, etc. De aquí o seu uso reiterativo como auctoritas que reafirma as súas teses e non como digresión que interrompe o fío da súa argumentación. Cando chega a Asados (Rianxo) na súa primeira viaxe refírese á etimoloxía do topónimo e aventura un “vas ansatum” (vaso ou ola con asas) non porque se fabricasen alí senón pola moita presenza de mámoas onde era frecuente o achado de furnas cinerarias. Pero cando máis adiante se atopa na mesma freguesía cos microtopónimos “O Barral” e “Os Fornos”, deseguida admite a posible actividade artesanal de “asados”, confirmada polo dimunitivo “asadelos”.

Vemos que as etimoloxías dispersas nos seus escritos non eran xogos intrascendentes, eran como calas arqueolóxicas que se adentran nas máis variadas materias. Foi probablemente esta concepción fundamental que tiña Sarmiento da etimoloxía o estímulo primordial para afondar nas leis que rexían a evolución das palabras, orixe científica da disciplina. Con razón, o profesor Pensado Tomé sinalou ao noso monxe como fundador e pai da filoloxía románica ao tempo que sinalaba o carácter europeo do pensamento etimolóxico.

Pero claro as etimoloxías eran no século XVIII un saber exótico seguidor da corrente escéptica que as consideraba unha ocorrencia e un xogo. De aquí o descoido co que se leu a Sarmiento ata que chegou a lectura en clave lexicolóxica que fixo o profesor Pensado e que permitiu o recoñecemento de Sarmiento en todos os círculos filolóxicos europeos con Corominas como mediador.

Con esta mesma perspectiva, doblemente galega, Ernst R. Curtius (Literatura europea y Edad Media latina, F.C.E., 1955) defendeu no seu estudo dos tópicos o tronco común da cultura occidental servíndose do pensamento etimolóxico que nos traslada por unha viaxe singular desde Suetonio a Calderón pasando por Sarmiento e Pensado que contemplaron o mundo desde Galicia malia vivir ambos no exilio. Todo grazas á lectura filolóxica, estudo lexicolóxico e indexación, que o profesor Pensado Tomé fixo do Padre Sarmiento. Beizóns ao profesor de Negreira no seu centenario.