Opinión

Manuel Monge

Franco xa morreu e as “Casas de Franco” non existen

Participei na chamada “Comisión de Expertos”, que se constitúe por acordo da Corporación municipal da Coruña en outubro de 2008. Esta Comisión aprobaba por unanimidade un informe sobre a retirada de simboloxía franquista na Coruña, que é aprobado no Pleno de 7 de setembro de 2009 —votos a favor de PSOE e BNG e abstención do PP— e eliminaba 52 símbolos franquistas.

Sinalaba ese informe, recollendo a exposición de motivos da Lei 52/2007, do 26 de decembro de Memoria Histórica: “É hora de que a democracia española e as xeracións vivas que hoxe gozan dela honren e recuperen para sempre a todos os que directamente padeceron as inxustizas e agravios producidos, por uns ou outros motivos políticos, ideolóxicos ou de crenzas, naqueles dolorosos períodos da nosa historia derivados do golpe de Estado militar contra o réxime lexítimo da II República española. Dende logo, aos que perderon a vida, aos que perderon a súa liberdade, ao padecer prisión, deportación, confiscación dos seus bens, traballos forzosos ou internamentos en campos de concentración dentro ou fóra das nosas fronteiras; tamén, aos que perderon a patria ao ser empurrados a un longo, desgarrador e, en tantos casos, irreversible exilio e aos que loitaron na defensa dos valores republicanos e democráticos. Así mesmo, establecendo unha serie de medidas co fin de evitar toda exaltación da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura”.

En cumprimento desa lei e para acabar coa exaltación de Francisco Franco, un dos principais responsábeis do golpe de Estado de 18 de xullo de 1936, a corporación da Coruña acordaba, entre outros: suprimir o nome do Viaduto do Generalísimo; Revogar os nomeamentos do Ditador Franco como Fillo Adoptivo e Predilectísimo, Alcalde Honorario e Medalla de Ouro da Cidade; e a eliminación oficial do nome do grupo Vivendas Francisco Franco. É dicir, desde hai 15 anos non existen, oficialmente, as “Casas de Franco”.

Tamén foron eliminadas en 2009 os nomes do “Grupo de vivendas Juan Canalejo” (fundador en 1933 da Falanxe na Coruña), a rúa Juan Canalejo (recuperou o nome tradicional de Socorro) e o Hospital Juan Canalejo, hoxe Chuac (Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña). En Madrid ninguén fala dun accidente, obras ou calquera outra incidencia na Avenida del Generalísimo porque desde 1981 o nome oficial é Paseo de la Castellana.

O chamado “Grupo de Vivendas Francisco Franco” son cinco bloques delimitados polas rúas: Ronda Outeiro, Monasterio de Sobrado, Antonio Pedreira Ríos, Rodrigo A. Santiago, Monasterio de Monfero e Monasterio de Cines; e nos laterais polas rúas: Monasterio de Bergondo e Mosteiro de Toxos Outos. A remodelación do espazo público que vai realizar o concello afecta aos números 257, 259 e 261 de Ronda de Outeiro e as reivindicacións da veciñanza son respectábeis.

Dando por coñecido que o ditador Franco xa morreu o 20 de novembro de 1975, o concello da Coruña debería realizar un traballo educativo e difundir que, oficialmente, as “Casas de Franco” xa non existen desde 2009, e recomendar que, en cumprimento da lei, non sexa utilizada esa referencia pola veciñanza, nin polos medios de comunicación.

Suscríbete para seguir leyendo