Representantes da cultura galega trasladaron este martes o seu apoio á manifestación convocada o domingo día 21 en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública para defender a sanidade pública "da barbarie".

Para iso, presentaron unha manifesto, subscrito por unha vintena de personalidades da cultura galega, no que poñen de manifesto que "en tempo de malas colleitas roldan os raposos e baixan os lobos do monte", polo que avogan por "defender a sanidade pública dos que veñen a morder nela mostrando os dentes".

"Este é o tempo no que temos que defender a sanidade pública da barbarie. Tanto ten que a barbarie se nos presente coas mellores maneiras, veñen ao que veñen, veñen a por ela", recolle o manifesto do mundo da cultura galega, presentado pola actriz Patricia Vázquez, a cantante Uxía Senlle e a escritora Marilar Alexandre.

Tras recordar que os servizos públicos como a sanidade "son conquistas da cultura humanista", expresaron que senten "orgullo da sanidade pública porque é boa". "Porque nos atende ben, porque podía atendernos aínda mellor cunha política que a coidase e porque, ademais, é nosa", resaltaron.

"Agora, cando entramos nun centro de saúde público entramos na nosa casa, cando privaticen a sanidade entraremos na tenda doutros e seremos os seus clientes. Primeiro vén o roubo, despois virá, ademais, os termos que pagar", avisan.

"Un roubo tan enorme diante dos nosos ollos non pode realizarse sen facelo ás agachadas e buscando coartadas. A coartada quere ser a crise económica", sosteñen e engaden que coa "desculpa" da crise "o Goberno galego está a traer a Galicia a política das administracións Gürtel, a política sanitaria que xa fan en Madrid e Valencia: reducen os presupostos para a sanidade e ao tempo meten o capital privado nas novas infraestruturas sanitarias".

Neste sentido, o integrante da plataforma SOS Sanidade Pública Francisco Vizoso resaltou, en declaracións a Europa Press, que "hai uns intentos serios de privatización" do sistema sanitario galego, polo que "o mundo da cultura non acepta que o que é de todos pase a privatizarse".

"AS CONSECUENCIAS SON NEFASTAS"

"Arruínan primeiro o público para privatizalo despois e facer negocio. As consecuencias son nefastas para a poboación", critican os representantes da cultura. Por iso consideran, "máis necesario que nunca" que a Administración "escoite os sindicatos, organizacións sociais, e cidadáns".

Deste modo, chaman a sumarse á mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, que partirá o domingo ás 12.00 horas da Alameda compostelana. "En defensa do que é noso e que nos queren quitar para facer o seu negocio", conclúen.

O manifesto do mundo da cultura está subscrito por Antonio Durán 'Morris', Antón Patiño, Antón Reixa, Avelino González, Carlos Branco, Cesareo Sánchez, Fermín Bouza, Marilar Alexandre, Manuel Quintana Martelo, Manuel Rivas, María Reimondez, Menchu Lamas, Patricia Vázquez, Pilar García Negro, Suso de Toro, Uxía Senlle, e Xurxo Souto.