Case tres anos despois de graduarse, catro licenciados en universidades galegas veñen de ser recoñecidos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes cun dos 55 premios nacionais de fin de carreira do curso 2010-2011, galardóns cunha dotación de 3.300 euros que o departamento gubernamental concede, cada ano, aos expedientes máis brillantes de España. Os premiados son Raquel Uzal Gómez, licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo; e Elisa Liste Lamas, de Filoloxía Alemana; María Rivo Vázquez, de Historia da Arte; e o coruñés Martín Portos García, de Ciencias Políticas e da Administración, pola Universidade de Santiago (USC). Este último é, ademáis, o mellor expediente dese curso en termos absolutos en todas as titulacións, cun 9,95 que roza a perfección.

"Estou moi satisfeito porque a verdade é que non esperaba obter este recoñecemento. É certo que a miña calificación era moi boa, pero e que na miña facultade ese curso houbo notas de promoción moi elevadas, polo que tiña moita competencia", explica Martín, de 25 anos, quen afirma que as claves para destacar nos estudos son "o traballo, o esforzo, a capacidade de sacrificio e o afán de superación", pero tamén "sentirse pleno e feliz no resto das parcelas da vida". "Non por dedicarlle máis horas aos estudos os resultados teñen que ser mellores. A produtividade non vai por aí", sinala.

Despois de cursar un máster de investigación en Política Comparada na Universidade de Oxford, Martín -que tamén foi premio autonómico de fin de carreira, galardón que recolleu de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en xuño de 2012-, está a completar a súa formación de doutoramento en Florencia, no Instituto de Estudios Europeos, onde ten previsto continuar ata setembro de 2016. "É lóxico que saiamos máis aló das nosas fronteiras, pero queremos que se nos facilite retornar para contribuir ao desenvolvemento de Galicia", subliña este coruñés, que quere dedicarse "á investigación e á docencia". "Non imaxino a miña vida desvinculada da carreira académica/investigadora, aínda que tampouco me importaría dedicarme á auditoría ou á política na práctica", sinala Martín, quen recoñece que "a situación laboral está moi complicada". "Tal e como están as cousas, ter un bo expediente académico non garante nada. Hai que seguir formándose, porque hai xente moi preparada e competencia en todos os niveis", conclúe.