O programa Náufragos da Televisión de Galicia (TVE) lembrará esta tarde, a partir das 19.55 horas, as historias dos náufragos do Ruíz Rey, de Foz, e de Serafín Mourelle, patrón de altura no Gran Sol.

O equipo deste espazo semanal, de Producións Celta e presentado e dirixido por X.H. Rivadulla, trasladarase á vila mariñeira de Foz para coñecer a historia do Ruíz Rey, unha tarrafa dedicada á arte do cerco que saíu do seu porto base para pescar na costa asturiana e que o 22 de outubro de 1987, cando navegaba cara ao porto de Luarca, cunha importante carga de sardiñas, encallou nos baixos de punta Mulleres, a só dúas millas do porto asturiano. Non foi posible sacar o barco das rochas, pero os seus doce mariñeiros lograron gañar a costa nos botes salvavidas. O patrón do Ruíz Rey, Tom Rey; os seus fillos, embarcados tamén neste buque; e o motorista do barco, Ricardo Lage, lembrarán para Náufragos a mala pasada que o mar lles xogou aquel día.

A segunda historia desta semana terá como protagonista a Serafín Mourelle, patrón de altura no Gran Sol, que descubriu novos caladoiros, que estivo ás portas da morte cando caeu ao mar e que tamén perdeu, nese mar, un irmán maior. Mourelle, que traballou no Gran Sol entre os anos 40 e 90 do século pasado, é recoñecido polas xentes do mar de toda Galicia como un dos homes máis sabios nas artes de pescar e navegar. Os espectadores da TVG serán partícipes da súa sabedoría ao longo do programa.