A tres meses de cumprir o primeiro ano de vida, a librería-cafetería Linda Rama xa é todo un referente na cidade da Coruña. Algo que "naceu do desemprego", como explican os seus fundadores, Daniel Cao e Alberto Pombo, e da necesidade de crear "un espacio multicultural onde facer charlas, recitais, etc. xa que vimos que na cidade case non existían sitios así".

Son moitas as inspiracións das que beben, pero sen dúbida á que guiou a Daniel Cao foi a librería Ler Devagar, en Lisboa. "É a miña librería preferida do mundo e, aínda que non é comparable pola diferencia de escala a idea é a mesma: crear un espacio multiusos, un punto de encontro onde poder tomar algo, ler, conversar... e incluso ver unha película de cando en cando", comenta Cao.

Con respecto aos libros que enchen as estanterías de Linda Rama, a verdade é que se pode atopar un pouco de todo. "Hoxe en día as editoriais e distribuidoras vanche mandando de todo polo que centrarse so nunha liña acaba sendo imposible", apuntan.

Pero pensar en que a figura do libreiro de toda a vida se extingue "non é algo que nos pareza positivo, a verdade é que é unha pena. A cuestión é que moitas apostan por un cambio de modelo porque vivir do libro é imposible, non tanto porque se compre pouco senón porque as distribuidoras e editoriais deixan moi pouca marxe, os prezos son altos... ao?? final ser competitivo nun mercado así é moi difícil", explican os coruñeses, que destacan o valor das redes sociais como forma de publicitarse e interectuar cos clientes.