Foz é unha ribeira de salitre con alma de resistente. As súas xentes mariñas seguen fieis aos oficios do mar que herdaron dos seus antepasados. A Confraría conta con 40 asociados que traballan ao cerco e artes menores. Ata alí se despraza o programa da Televisión de Galicia (TVG) Ribeiras de Salitre desta tarde.

En Foz atopamos singularidades como a escola de surf de Antón Rodríguez, un surfista que fala do mar cunha paixón moi mariñeira, porque o seu interese polo surf parte do seu interese polo mundo do mar. Rodríguez contará como conviven en perfecta harmonía e compresión as xente pescadoras e as xentes surfistas, porque en definitiva todas son xentes do mar.

Foz é unha ribeira de salitre onde non faltan os vellos lobos de mar, homes dunha enorme experiencia, con moitos anos de navegación e pesca. Con dous deles saírá o presentador Henrique Rivadulla a navegar pola ría de Foz. Son Tom Rey, que traballou ao cerco, e Paco Fernández que faenou no Gran Sol. Os dous contarán como lles foi a vida no mar, e falarán dunha época en que estiveron embarcados xuntos.

E aos vellos lobos de mar gústanlles as cancións do mar, e formaron o grupo Os Larpeiros. Esta formado por veteranos do mar e amigo, forman un grupo entrañable, que ao tempo que gozan do lecer conservan a tradición musical das xentes mariñas.

Nas cociñas de Foz fanse moi ben os produtos do mar, e a peixeira Remedios García vai cociñar polbo encebolado. E mentres cociña fala da súa vida de peixeira, que lle ven de familia, da súa avoa e a súa nai. E como todas as peixeiras sempre ten un aquel de alegría no seu falar.

Foz tamén é terra de marisqueo e unha mariscadora desta ribeira é María Jesús Rivera. Ela dedicase a ameixa e a navalla, pero o que máis lle gusta e dedicarse aos poliquetos, que son as miñocas que se usan de cebo para a pesca.